DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mércores 25 proxectarase unha peza audiovisual sobre a masacre da operación Berlín

Un documental achegará ao campus a guerra en Colombia e o papel de Benposta na atención a menores recrutados

A obra recolle o testemuño de rapazas e rapaces supervivintes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 20/05/2022

La operación Berlín: la niñez que peleó la guerra en Colombia, é un documental dirixido por Mathew Charles que narra as experiencias de nenas e nenos que foron recrutados por unha columna móbil das Farc-Ep e que sobreviviron á acción executada polo exército colombiano entre os anos 2000 e 2001 e que supuxo a morte de arredor dun centenar de menores. Na reconstrución das vidas de moitos deles e delas, Benposta Nación de Muchachos en Colombia xogou un papel destacado.  

O mércores día 25 de maio, ás 19.00 horas, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá a proxección deste audiovisual nun acto aberto non só á comunidade universitaria senón a toda a cidadanía. Ademais da proxección, no acto, que contará coa participación, entre outros, de José Luis Campo Rodicio, coordinador xeral de Benposta Nación de Muchachos en Colombia, dialogarase tamén sobre o traballo de Benposta nese país, onde apoia e acompaña a nenas, nenos e adolescentes afectados polo conflito armado, en particular a mulleres que sendo nenas formaron parte da guerrilla das Farc-Ep. No acto tamén se falará sobre como esta entidade lles acompaña “na construción e dignificación dos seus proxectos de vida”.

Na presentación este venres da xornada que se celebrará o día 25, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou que para o centro “é unha honra” acoller este acto pois, lembrou, “Benposta sempre foi para nós un referente pedagóxico”. Así, indicou, “aínda que en Ourense neste momento lamentablemente non ten continuidade”, a cita permite ver a vitalidade que este proxecto nado en Ourense ten noutros lugares do mundo, a onde se expandiu a partir dos anos 70. Neste senso, o responsable académico destacou que supón “un orgullo” ver como “un proxecto pedagóxico nado en Ourense continúa décadas despois facendo boa pedagoxía social”.

Vivencias moi presentes dúas décadas despois

Pola súa banda, o coordinador xeral de Benposta Nación de Muchachos en Colombia fixo un repaso no acto da traxectoria de Benposta e do propio conflito en Colombia tomando como fío o documental La operación Berlín. José Luis Campo Rodicio, membro da primeira xeración de Benposta Ourense e titulado en Filosofía e Teoloxía, lembrou como desde hai arredor de 20 anos teñen “unha experiencia moi interesante de acompañamento ao que aló lle chaman nenos e nenas ex combatentes, que saíron do grupo”. De aí, apuntou xorde a súa vinculación co documental que se proxectará o mércores.

“Desde que se firmou o proceso de paz tratamos de que os rapaces e rapazas que viviron esa experiencia da guerra tiveran voz propia”, sinalou, recolléndose en varios informes da comisión nacional da verdade os seus testemuños e tamén con iniciativas coma este documental. O audiovisual, indicou, recolle “unha verdade contada polos rapaces, unha realidade moi dura, de nenas e nenos de 11, 12 e 13 anos, que contan a súa vida na guerra”. Na operación Berlín, lembrou, “había a orde de non deixar a ninguén vivo” e cando o exército no seu asedio a esta columna móbil das Farc-Ep “se deu conta de que había nenos xa era tarde”, morrendo arredor dun centenar deles e sobrevivindo 63 rapazas e rapaces menores de 18 anos, moitos dos cales pasaron a Benposta.

Ese traballo de acompañamento a nenas e nenos, apuntou José Luis Campo Rodicio, continúa hoxe en día xa que, subliñou, “en Colombia estamos vivindo unha situación moi complicada. A visión que atopa un en Europa é que en Colombia a guerra xa forma parte da historia e non é así. Eu nunca vin tan mal o país como agora”, dixo sinalando como “hai un problema serio de gobernabilidade” e “zonas completamente controladas polos grupos” nos que a violencia está normalizada. Na actualidade, comentou, na sede de Benposta en Bogotá teñen na comunidade educativa 108 rapazas e rapaces que non poden permanecer nos seus territorios por distintas situacións relacionadas co conflito. Ademais, engadiu, “temos un proxecto de Rede de Contornas Protectoras en cinco rexións do país, con persoal local” para atender ás vítimas. Deste xeito, o documental, apuntou o responsable de Benposta en Colombia, “reflexa vivencias que aínda que son de hai 20 ou 21 anos están presentes”.