DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu un cinefórum en torno ao filme ‘Dores’

Un documental para debater sobre o descoñecemento dos campos de concentración franquistas

A proxección completouse cun coloquio coa súa directora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/12/2022

En Galicia existiron once campos de concentración creados pola ditadura franquista, aos que se lle deu o nome das “once portas do inferno”. Esta é unha das ideas recollidas no documental Dores, un filme nacido co obxectivo non só de afondar na represión que sucedeu ao golpe de Estado de 1936, senón tamén para cuestionar “por que non sabemos que estes campos existiron”, como salienta a súa directora, Coral Piñeiro. Promover un debate sobre esta cuestión un dos obxectivos centrais do cinefórum que este luns acolleu a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, promovido pola Comisión PEA Unesco deste centro e pola Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, xunto coa Concellería de Memoria Histórica, no marco das actividades do programa Memoria de Elefanta

Nunha actividade impulsada con motivo da conmemoración, o pasado sábado 10, do Día dos Dereitos Humanos, o alumnado puido coñecer un documental nacido en 2020 como traballo de fin de grao dun grupo de alumnas de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e que ten acadado diferentes recoñecementos e seleccións en festivais, como o premio do público do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) en 2021. A través das entrevistas a unha persoa que traballou como guía na illa de San Simón, que a ditadura converteu nunha colonia penitenciaria, ao fillo dun preso republicano, a sobriña dun represor franquista e ao familiar dun “paseado” pola ditadura, este filme busca falar “da represión e do silencio, intentando achegar o punto de vítima das vítimas e dos vitimarios”, explicou Piñeiro.

A importancia “de que coñezamos o noso pasado”

Como lembrou a directora deste filme, en Galicia existiron once campos de concentración “oficiais”, situados principalmente na costa, “porque a eles traían tamén presos doutras frontes, como as de Asturias, País Vasco e Cataluña”. Tratábase, indicou, de espazos no “que se aprisionaba a xente sen cometer ningún delito, nunhas condicións terribles” e que formaban parte dun “sistema de represión” que se estendeu a outros espazos como “prisións provisionais” ou “batallóns de traballo”, como o establecido en Figueirido, nos que a ditadura operaba “cunha metodoloxía moi similar, que era apresar canta máis xente posible”. 

No marco das actividades dun programa municipal dirixido a achegar a memoria histórica a un público máis novo, este cinefórum buscaba nese senso abordar co alumnado da facultade estes feitos históricos, como explicou Piñeiro, que incidiu na “importancia de que coñezamos o noso pasado” e compartiu coas e cos participantes a súa propia experiencia con Dores en diferentes centros de ensino. Nese senso, a directora deste filme afondou neste coloquio en como o que comezou como un traballo académico rematou derivando na creación dunha asociación, Memoria e Cinema, na organización de coloquios en institutos e na creación dunha unidade didáctica, na que se atopan traballando actualmente.