DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na charla enmarcada no curso “Da teoría á práctica: Experiencias de xestión pública”

Dolores Rivero analiza a súa traxectoria como xerente de Xestur na xestión do solo

Foi profesora durante 20 anos na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 21/05/2008

Co gallo de dar a coñecer o seu traballo diario como xerente de Xestur Ourense, Dolores Rivero, antiga profesora da Universidade de Vigo, impartiu un seminario no que destacou a importancia do papel que xoga o organismo, dependente da Consellería de Vivenda e Solo, na xestión eficaz do solo co fin de evitar a especulación. A charla estivo enmarcada no curso para o profesorado Da teoría á práctica: Experiencias de xestión pública, co que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo quere tender unha ponte entre as ensinanzas académicas sobre economía e xestión pública e a vida real de destacadas figuras que traballan nese eido en Galicia.
Tras 20 anos dando clases de Contabilidade no campus, Dolores Rivero recibiu hai tres anos a oportunidade de poñerse á fronte de Xestur Ourense, unha sociedade pública que non pasaba polo seu mellor momento. “Daquela non coñecía a importancia dos seus servizos e ignoraba a súa función social, ademais estaba a piques de desaparecer” recoñeceu. Sen embargo, con moito esforzo e traballo detrás, Xestur deu un xiro total e agora mesmo está a cumprir os obxectivos concretos que lle veñen dados dende a Consellería de Vivenda e Solo e do seu Consello de Administración “tanto en tempo como en forma” apuntou a súa xerente. Entre eses fins destacan a construcción de vivendas de protección autonómica para satisfacer as necesidades das persoas con menos recursos e planificar e realizar parques empresariais para impulsar o desenvolvemento de determinados núcleos xeográficos coa finalidade de poboalos e darlles dinamización económica.
O cambio da universidade á empresa pública foi para Rivero “una etapa moi dura pero moi positiva porque me está a aportar o coñecemento dun sector como é o da construcción, que non coñecía e do que se ten unha imaxe distorsionada” explicou. Precisamente, dende Xestur “tratamos de cambiala, sendo moi estrictos en que as parcelas dos parques empresariais sexan para a venda e non para a especulación e que as vivendas sexan para quen máis as necesite” engadiu.

Un mundo diferente do académico

O reto que afrontou Dolores Rivero, non a afasta dos seus comezos como docente. Xa superada a nostalxia das clases, “penso no moito que aprendín e en que na miña volta ás aulas poderei aportar unha visión da realidade máis aló da teoría” comentou. Porque o que ten claro é que a medio prazo vai retomar a súa carreira como profesora xa que “a universidade é o sitio onde se cimentan as bases de contidos, pero a experiencia está na rúa porque aquí vivimos nunha atmosfera moi protexida da realidade, moito máis salvaxe e competitiva” explicou facendo fincapé no fundamental do intercambio de coñecemento entre a empresa e a universidade. De feito, e aínda que o seu traballo en Xestur está a ser “unha das experiencias máis gratificantes da miña vida”, a xerente recoñeceu que viviu momentos moi tensos xa que ademais das diferenzas co mundo do ensino, na construcción “aínda imperan os homes e lles custa aceptar a unha muller ao mando” concluíu.