DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun proxecto sobre a responsabilidade social da televisión

Dous alumnos representan á Universidade no congreso internacional "UNIV 08"

Dirixidos pola profesora do campus pontevedrés Aurora García González

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 14/01/2008

Laura Vázquez Viaño e Gael Sande Avendaño, son os dous alumnos que representaron á Universidade de Vigo na fase local do congreso internacional UNIV 08 que este ano trata o tema Ser, aparecer, comunicar: entretemento e felicidade na sociedade multimedia. A curiosidade por saber como é un congreso foi o que levou a estes emprendedores a participar no único evento deste tipo dirixido unicamente a estudantes. “Nunca antes participara en algo así e como este é para universitarios, o vin como unha boa oportunidade de saber como son”, explicou a alumna de terceiro curso da Licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Vázquez.
Baixo a dirección da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Aurora García, os participantes presentaron un proxecto sobre a verdadeira responsabilidade social da televisión como portadora de importantes conversacións culturais e a súa influencia sobre a opinión pública. Os autores realizaron o traballo de investigación seguindo tres estratexias metodolóxicas principais: un estudo bibliográfico, entrevistas a expertos e unha análise dos programas da televisión que se emiten na actualidade. Tras realizar as diferentes fases, o estudo conclúe que a maioría dos críticos apuntan que o principal problema é que a televisión presenta todos os asuntos (política, saúde, relixión, ...) como entretemento, propoñendo revisar varios tópicos nos que frecuentemente se cae e lembrando que é responsabilidade de cada individuo ver a televisión con ollo crítico.

De camiño a Roma

O congreso internacional UNIV, que se celebra anualmente para abordar os grandes temas do debate cultural e sociolóxico, conta cunha previa fase local que tivo lugar en Santiago de Compostela e na que Laura Vázquez e Gael Sande presentaron o seu traballo. Esta primeira etapa realízase en cada país e serve para facer unha selección das propostas que se levarán ao evento internacional que se fai anualmente en Roma coincidindo coas festas da Semana Santa. Competindo con sete proxectos máis, os representantes da Universidade de Vigo recibiron as felicitacións dos alí presentes polo que as expectativas de asistir á cita na capital italiana son moi altas.
Para coñecer a resolución do xurado aínda hai que esperar pero a directora do proxecto, Aurora García, comentou que no caso de que non superen esta fase inicial, a participación neste tipo de actividades é importante xa que “aporta un recoñecemento académico aos participantes”.