DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique García é o seu novo presidente e Pablo Magariños o seu vicepresidente

Dous alumnos da UVigo asumen a dirección da asociación estatal de estudantes de Aeronáutica e Espazo

A entidade representa ás titulacións de grao e mestrado que se imparten en trece universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/12/2021

Os alumnos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Enrique García e Pablo Magariños veñen de asumir a dirección da Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y Espacio (AEAE), unha entidade sen ánimo de lucro de alumnado de todas as facultades e escolas que imparten titulacións relacionadas coa aeronáutica e o espazo en España, abranguendo na actualidade trece universidades estatais. “Cremos que a nosa elección abre unha nova etapa na AEAE. O noso obxectivo é poder levar a cabo un bo traballo e mellorar a asociación en todo o que poidamos”, destacan os estudantes da Universidade de Vigo.

“Desde o centro queremos felicitar a Enrique e a Pablo polo seu nomeamento”, comenta Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O responsable académico sinala que “valoramos moi positivamente este éxito acadado polos nosos alumnos, que consideramos tamén un recoñecemento ao nivel de excelencia da nosa escola” e apunta que “apoiaremos as iniciativas que veñan desta asociación, especialmente se nun futuro próximo deciden organizar o seu congreso nacional no noso campus”.

Unha nova etapa na entidade

Enrique García, estudante de terceiro curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, é o novo presidente da asociación e Pablo Magariños, que cursa segundo, é o novo vicepresidente. A decisión de presentarse para ocupar estes cargos de dirección, apunta o novo presidente, xurdiu ante a apertura do proceso para a renovación da súa executiva. “Considerei que a miña experiencia como secretario durante os últimos meses da AEAE así como as ideas que tiña para ela conformaban un proxecto suficientemente sólido como para presentalo ante o resto da asociación”, comenta Enrique García. Para este proxecto, apunta, “dada a vinculación que a UVigo ten coa asociación, propúxenlle a Pablo percorrer esta etapa xuntos, sendo el o vicepresidente, dado o seu compromiso e a súa experiencia, suficientemente demostrada na delegación de Ourense, algo que aceptou”. Na asemblea xeral da Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y Espacio, celebrada no marco do seu XXIV congreso a finais de outubro en Madrid, tivo lugar o proceso de renovación de cargos. Os estudantes da UVigo acadaron o apoio unánime dos membros da entidade tras “facer unha pequena intervención na que explicamos os motivos que facían que nos presentásemos a presidente e vicepresidente respectivamente”. Neste senso, amosan o seu agradecemento polo apoio e a confianza recibidos polos seus compañeiros e compañeiras da asociación.

A AEAE, explica a súa nova directiva, ten como obxectivo ser o punto de encontro das escolas de aeronáutica (non só de enxeñaría senón tamén de pilotos e outros estudos superiores de aeronáutica e espazo) e representar ao alumnado de toda España neste eido. “A nosa función como presidente e vicepresidente é principalmente guiar a organización e coordinar a xestión interna da entidade, tendo aos outros membros da comisión executiva e ás delegacións das outras universidades traballando connosco para poder levar a cabo a nosa actividade”, afirman os estudantes da UVigo.

Coa súa entrada da dirección, engaden Enrique García e Pablo Magariños, “houbo tamén un relevo xeracional no resto de cargos da comisión executiva, polo que o principal reto é non só coidar o camiño feito ata o de agora, senón tamén continuar traballando para lograr ofrecer ao resto de compañeiros e compañeiras de estudos solucións aos seus problemas (como representación súa que somos) e oportunidades de bolsas e emprego”. Así, avanzan, “gustaríanos ampliar a participación do estudantado na AEAE, incorporando novas universidades e escolas á asociación  e celebrar no futuro un dos congresos da asociación no campus de Ourense, o que sería moi positivo para a Universidade e o alumnado da nosa escola”. Neste senso, un dos obxectivos que se marcan para esta nova etapa é “aproveitar o impulso da volta á presencialidade despois do confinamento” para acadar que a asociación siga “medrando de cara a servir dunha mellor forma ao alumnado”. Por último, amosan a súa convicción, tras ser elixidos por unanimidade, de que “esta nova etapa iníciase cun forte sentimento de unidade entre todas as persoas que compoñemos a AEAE”.

Os obxectivos da Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y Espacio son representar, comunicar e mellorar o ensino do estudantado de grao e mestrado de titulacións de Aeronáutica e Espazo, defendendo os seus intereses, establecendo relacións entre as escolas implicadas, impulsando a mobilidade, promocionando actividades e fomentando a participación dos estudantes nos órganos de representación. Participan en AEAE, ademais da UVigo, delegacións das universidades Carlos III de Madrid, Cádiz, León, Sevilla, Politécnica de Madrid, Rey Juan Carlos, Autònoma de Barcelona, Politècnica de Catalunya, Politècnica de València, Europea de Madrid, Castilla-La Mancha e Salamanca.