DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Vicerreitoría, terán lugar os días 9 e 23 de marzo na EE Forestal

Dous cursos permitirán ampliar coñecementos sobre o manexo da gaita e a percusión tradicional

Este xoves abriron a súa inscrición, cubrindo xa a meirande parte das súas prazas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/02/2019

O gaiteiro Xaquín Xesteira, un dos fundadores do grupo Treixadura e mestre de gaita e percusión na e-Trad, a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, e o compositor, percusionista e acordeonista Xosé Lois Romero, quen ten formado parte de grupos como Aliboira, aCadaCanto e o trío Vaamonde, Lamas e Romero, serán os encargados, no mes de marzo, de ampliar a formación sobre música tradicional que se desenvolve no campus. Desde o pasado curso, o campus pontevedrés conta cunha Aula Permanente de Música Tradicional na que tanto integrantes da comunidade universitaria como persoas alleas á institución académica poden iniciarse e mellorar os seus coñecementos no manexo de múltiples instrumentos, iniciativa á que agora se suman dous cursos de especialización, Recursos ornamentais na interpretación da gaita galega e Multpercusión tradicional, que, impartidos por Xesteira e Romero, respectivamente, desenvolveranse os días 9 e 23 de marzo na Escola de Enxeñaría Forestal.

Abertos a un máximo de 15 persoas, estas dúas actividades abriron este xoves a súa inscrición, cubríndose nas primeiras horas todas as prazas dispoñibles no caso do curso de percusión tradicional e boa parte das destinadas ao curso de gaita galega. O obxectivos destas dúas actividades, explica o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, “é que sirvan para a complementar a actividade da aula de música”, ofrecéndolle aos seus alumnos e alumnas, así como as persoas interesadas, a posibilidade de ampliar coñecementos “e conseguir un maior dominio do instrumento da man de especialistas”.

Dous sábados de música no campus

A afinación da gaita galega, melloras e recursos na dixitación, técnicas de tempero, picados, batementos e adornos na interpretación centran os contidos que, o vindeiro sábado 9 de marzo, en horario de 9.30 a 14.00 horas, se abordarán no primeiro destes cursos. Dirixido a persoas que posúan xa uns coñecementos básicos no manexo da gaita, esta formación correrá a cargo de Xaquín Xesteira, quen iniciou a súa traxectoria como músico profesional cos grupos Os Faíscas de Solobeira. Formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, Xesteira conta cunha ampla traxectoria como mestre de gaita e percusión e en 1990 convértense nun dos fundadores de Treixadura Gaiteiros. Director das seccións de gaita e percusión da orquestra folk Sondeseu, Xesteira realizou colaboracións con grupos e artistas como Rodrígo Romaní, Fuxan os Ventos, Na Lúa ou Astarot e é así mesmo autor dos libros Método de gaita galega I e II

Nese mesmo horario, o sábado 23, a música será de novo protagonista no campus grazas a un segundo curso que, explican os organizadores, “non require tanto de coñecementos previos, xa que á idea é que a xente que lle gusta a percusión poida coñecer outros instrumentos”. Así, por de relevo o papel da percusión na música tradicional galega, unha breve introdución ao ritmo e presentar outros instrumentos ou mesmo utensilios utilizados para a percusión na música tradicional serán os eixos da actividade que guiará Xosé Lois Romero. Os cuartetos Lelia Doura e Luvas Verde, o trío Vaamonde, Lamas e Romero, aCadaCanto, a compañía Nova Galega de Danza ou Aliboria son algunhas das formación que definen os 35 anos de traxectoria de Romero, músico e compositor que é tamén membro desde 1995 do Grupo Tradicional da Agadic, que desenvolve un traballo de divulgación e investigación da música popular, centrando o seu labor concretamente, na percusión tradicional.