DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Neles abordaranse diferentes sistemas de xestión diaria en hoteis e empresas

Dous cursos e un seminario internacional para complementar a formación do alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo

Do 6 ao 10 de outubro o centro celebra unhas xornadas coa universidade alemá HTW Saar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Académica
DUVI Ourense 30/09/2025

Co obxectivo de afondar en dúas das súas liñas de traballo prioritarias, como son a formación de calidade do seu alumnado e a súa internacionalización, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense ten en marcha tres iniciativas dirixidas ao seu alumnado. Trátase de dous cursos centrados no manexo de sistemas de xestión diaria de hoteis e de planificación de recursos empresariais e dun seminario internacional coa universidade alemá HTW Saar.

Os dous cursos, destinados a complementar a formación académica do alumnado, realízanse no marco do convenio existente entre a Universidade de Vigo e Deputación de Ourense orientado á promoción da formación en turismo e a actividades para fomentar o turismo na provincia. Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destaca que estas actividades ofrécense por primeira vez ao alumnado do centro e subliña como se trata dunha oferta formativa que “non é habitual en facultades públicas”. Así, recalca, “se estes cursos fosen polo privado terían un custo mínimo de 1500 euros por alumno e aquí son gratuítas para o noso estudantado”. A realización destes cursos, subliña, constitúen “unha magnifica oportunidade e un plus moi valioso que lle damos ao noso alumnado”.

Xestión diaria hoteleira

O primeiro dos cursos, coordinado polo propio Jesús Vázquez, é PMS e operación hoteleira. Claves para unha xestión diaria eficiente e terá lugar os días 10, 17 e 24 de outubro. Nel, o alumnado aprenderá a utilizar o PMS (Property Management System), o sistema central que xestiona reservas, habitacións e cobranzas, optimizando toda a operativa diaria dun hotel. Ao longo da formación e da man de especialistas de Class One Group, líder en tecnoloxía hostaleira, realizarán practicas nunha contorna demo real, con formación en tarefas esenciais como check-in/check-out, cambios de habitación, facturación e atención ao cliente, cunha metodoloxía deseñada para replicar o traballo en recepción. Os obxectivo desta formación son capacitar ao alumnado para comprender a lóxica e relevancia estratéxica dun PMS na operación diaria; navegar con soltura na interface esencial dun PMS; xestionar reservas, check-in/out, facturación e servizo ao hóspede dende unha plataforma centralizada e adoptar boas practicas operativas centradas na eficiencia e a experiencia do hospede. 

Planificación de recursos empresariais

Do 15 de outubro ao 12 de novembro terá lugar a segunda das propostas, a de Planificación de recursos empresariais (ERP) con Odoo, coordinada pola profesora Mercedes Mareque. Trátase, sinalan desde a súa organización, dun “curso introdutorio centrado no coñecemento e manexo dun sistema ERP real e impartido por especialistas”. A formación combina contidos teóricos con práctica guiada sobre o ERP Odoo e inclúe exercicios autónomos e unha visita a empresa para reforzar a aprendizaxe aplicada. Está deseñado para achegar o alumnado ao funcionamento interno dunha empresa a través dunha ferramenta de xestión integrada, centrándose en Odoo, aplicacións de código aberto que cobren as necesidades dunha empresa. 

Cada un dos cursos ten recoñecemento dun crédito ECTS e conta con 20 prazas que se cobren por orde de inscrición, tendo preferencia o alumnado dos cursos superiores. A primeira das formacións está dirixida ao alumnado do Grao en Turismo e PCEO Turismo-Xeografía e Historia e a segunda ao estudantado dos graos en ADE, PCEO ADE-Dereito e PCEO ADE-Enxeñaría Informática.

Seminario con alumnado alemán

Apostando pola internacionalización, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo tamén celebrará do 6 ao 10 de outubro unha nova edición do seu seminario anual coa universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (HTW Saar), de Saarbrücken. Nel, alumnado dese país e do centro ourensá compartirán convivencia e un amplo abano de actividades académicas e lúdicas, desde visitas guiadas ata sesións en aula, sempre arredor da temática da xestión cultural e o turismo. A iniciativa permítelle ao estudantado ourensán enriquecerse do traballo conxunto nun ambiente internacionalizado.