DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Colexio Apóstol Santiago de Vigo visita esta semana o centro de investigación

Dous días no CINBIO para converterse nos científicos e científicas do futuro

A estadía correspóndelles por seren o equipo gañador do premio do público da feira CinVigo 2025

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 10/06/2025

O pasado mes de abril a cidade de Vigo acollía a terceira edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa, organizado polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. O encontro, aberto á cidadanía e co obxectivo principal de fomentar as vocacións científicas entre a rapazada da contorna, contou con actividades divulgativas para todas as idades, entre elas unha gran feira científica na que se presentaron 70 proxectos realizados por máis de 250 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP dunha trintena de centros educativos de Galicia.

Entre todas as propostas, o proxecto Faro Sostible, elaborado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, foi galardoado co premio do público tras obter a maior puntuación a través dunha aplicación que rexistrou máis de 12.000 votos. Ademais deste recoñecemento popular, o equipo gañador obtivo como recompensa a posibilidade de vivir unha estadía de dous días no CINBIO e coñecer de preto o traballo do persoal investigador deste centro especializado en nanomateriais e biomedicina. A visita, que serviu para convertelos a todos en científicos e científicas por un día, tivo lugar esta semana. 

Dous días para convertese en científicas e científicos

A súa visita comezaba este luns, facendo a primeira parada no laboratorio do grupo de Química Orgánica (Orchid), no que a través de diferentes experimentos identificaron a presenza de cafeína en te e café usando un cromatógrafo de gases-masas e prepararon un polímero de Nylon, imitando a seda natural. Despois dunha pausa para merendar, as e os estudantes de 1º de ESO visitaron o laboratorio do grupo Neurocircuits, no que observaron neuronas reais ao microscopio e descubriron como funcionan os circuítos neuronais e como o cerebro controla o movemento.

O equipo gañador deste premio popular continuou hoxe martes o seu percorrido polo CINBIO cunha primeira parada no laboratorio do grupo de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat), no que aprenderon sobre nanopartículas feitas de diferentes materiais e como se utiliza a luz e a súa interacción cos mesmos. Ademais de ver como cambian as propiedades ópticas destes elementos co seu tamaño e forma, tamén aprenderon sobre espectroscopia, un método que utiliza fundamentalmente a luz para estudar materiais. A extracción de ADN en froitas foi o último dos experimentos que realizaron, grazas ás explicacións do grupo de Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (Cellcom).

Rúas e prezas convertidas en laboratorios da man da FECYT

Estimular as vocacións científicas entre o alumnado de ensino medio é un dos propósitos polos que o CINBIO organiza este tipo de actividades e eventos de divulgación científica. Grazas ao éxito das últimas edicións de CinVigo, este festival científico que converte as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto á cidadanía xa conta coa aprobación de novo financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades para a que será a súa cuarta edición, previsiblemente en abril de 2026.