DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actuación que a Vicerreitoría realizará coa colaboración do Concello

Dous embarcadoiros no campus potenciarán o uso lúdico da contorna do Lérez

A conversión do campus en peonil, un obxectivo a medio prazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/06/2018

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, mantiveron este xoves unha reunión dirixida a abordar unha serie de actuacións que se proxectan levar a cabo no marco da colaboración entre Universidade e Concello. Entre eles, a instalación no campus da Xunqueira, na zona situada trala Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, de dous embarcadoiros e un pañol para gardar embarcacións, que permitan desenvolver na contorna do Lérez e da Illa das Esculturas “actividades de ocio e tempo libre”, como explicou Soto, quen subliñou tamén na rolda de prensa posterior a esta xuntanza a vontade da Vicerreitoría de promover a conversión en peonil do espazo central do campus da Xunqueira.

Por outra banda, no relativo ás actuacións lideradas polo Concello, Gómez anunciou a creación dun aparcadoiro disuasorio con capacidade de para preto de 150 vehículos nos terreos da antiga Tafisa nos que estaba proxectada a construción do Edificio das Artes. Tratáse, sinalou, dunha “actuación reversible” que permitiría á institución académica dispor novamente deses terreos no futuro. “Ese é un espazo que no seu momento recuperaremos para posibles actuacións académicas, polo que cando se abra de novo o mapa de titulacións falaremos de novo co Concello para ver como podemos actuar nese espazo”, afirmou Jorge Soto.

Actuacións que repercutan na cidadanía

Nesta “liña de colaboración magnífica” entre Concello e Universidade enmárcanse tamén a instalación de dous embarcadoiros e un pañol no que se gardará unha serie de material deportivo propiedade da Universidade e que permitirán, como explicou Soto, “que os rapaces e as familias de Pontevedra” poidan facer uso tanto dese material deportivo como “da formación e o espazo” da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte” para actividades de ocio e tempo libre. Trátase dunha “actuación fácil e cunha repercusión bastante notable na cidadanía”, sinalou Soto, que incide en que se trata dunha actuación que se prevé desenvolver, coa colaboración do Concello, ao longo do vindeiro curso, co obxectivo de que estea lista "de cara ao vindeiro ano" xa que precisa ademais de acometer uns traballos de limpeza da zona.

No relativo a proxectos máis a medio prazo nos que se buscará tamén a colaboración do Concello, o vicerreitor adiantou que “a nosa vocación é que o campus de Pontevedra poida seguir a política de actuacións que fai o Concello de peonalización dos espazos públicos” e promover unha “actuación de humanización entre as facultades”, que contribuiría así mesmo a facer da Xunqueira “un Green Campus a todos os niveis”, á vez que potenciar a colaboración co Concello en iniciativas como Pontenciencia, sacando á rúa os stands da Feira da Miniciencia.

Neste mesmo senso, Soto reivindicou este recoñecemento outorgado pola FEE (Foundation for Environmental Educacion) ao campus como “un selo importantísimo a nivel internacional”, no que se enmarcan outros proxectos como o arboreto ao redor do que se articulará, adiantou, un percorrido que permitirá coñecer as especies máis destacadas de entre as preto de 400 árbores que se reúnen no campus.