DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Álvarez foi elixido presidente da Cesed e Isabel Noya da Anecafyde

Dous estudantes do campus, á fronte das asociacións estatais de alumnado de Educación e Ciencias do Deporte 

Trátase de organizacións que representan ao alumnado de máis de 30 universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/12/2020

Dous estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sitúanse desde este mes á fronte das súas asociacións estatais de alumnado dos seus respectivos ámbitos. Por unha banda, o alumno do grao en Educación Primaria David Álvarez foi elixido novo presidente da Asociación Nacional de Estudiantes de Educación y Formación del Profesorado (Cesed), converténdose no primeiro representante da Universidade de Vigo á fronte desta organización. Así mesmo, nas últimas semanas a Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividade Física y del Deporte (Anecafyde) elixía como nova presidenta á alumna do campus Isabel Noya, que se convertía deste xeito na segunda representante da UVigo en presidir desta asemblea.

Integrada por representantes de 32 universidades españolas, a Cesed é como explica Álvarez Caneda, “unha sectorial que representa non só ao estudantado de Educación Infantil e Primaria, senón tamén ao de Educación Social e de Pedagoxía e ao dos mestrados de formación do profesorado”. De aí que saliente as “gañas de traballar por un obxectivo común, quelé loitar por unha mellora da nosa formación e defender o futuro da nosa profesión” como o motivo que o levou a presentar a súa candidatura na asemblea que a Cesed desenvolveu de xeito virtual. 43 universidades españolas, por outra banda, están representadas na Anecafyde, que celebraba tamén de xeito virtual a súa vixésima asemblea xeral ordinaria, na que Noya, ata entón vicepresidenta de Asuntos Internos, era elixida presidenta. “A misión principal da Anecafyde é loitar por mellorar a saúde das persoas a través do deporte, ademais de loitar polos dereitos dos estudantes e profesionais do noso ámbito”, salienta esta alumna do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e vicepresidenta da delegación de estudantes da facultade, da que tamén forma parte o novo presidente do Cesed. 

O principal reto, a regulación das profesións do deporte

Segunda representante da UVigo á fronte da Anecafyde, tras Lara Piñeiro, Noya toma o relevo de Ángel Torés, alumno da Universidad Politécnica de Madrid, á fronte dunha xunta directiva da que tamén forma parte o estudante do campus Sergio Domínguez, como vicepresidente de Asuntos Universitarios, mentres que o tamén alumno da facultade Matías Zelayarán convértense en membro do consello asesor. Rodrigo Yagüe, Ana Isabel Martínez, Esther García e Miguel Martínez, das universidades Europea de Madrid, Sevilla, Valencia e A Coruña, respectivamente, completan á directiva que Noya encabezará ao longo do próximo ano.

“Será un ano de moito traballo”, recoñece a nova presidenta, que sinala como “obxectivo principal” desta etapa buscar a “participación activa” da Anecafyde na elaboración do anteproxecto de regulación de determinadas profesións vinculadas ao deporte, despois de que a o Goberno central e o Consejo Superior de Deportes (CSD), abrisen “unha consulta pública” á que este colectivo achegou o posicionamento aprobado nesta asemblea. “Quédanos un traballo incrible por diante, porque a mesma razón do nacemento da Anecafyde foi loitar por esta regulación profesional”, salienta Noya. No documento que veñen de aprobar, a Anecafyde pon o foco en diferentes profesións vinculadas ao deporte, como as relacionadas “por exemplo co adestramento persoal ou á readaptación deportiva”, que, subliña Noya, requiren dun “coñecemento moi amplo do que son as Ciencias do Deporte, polo que nós consideramos que debería exercelas só un graduado”. 

Mellorar a formación e o acceso á profesión

Na XVIII asemblea xeral ordinaria da Cesed, David Álvarez tomou o relevo de África Sara Franco, da Universidad de Granada, e encabezará os próximos dous anos a directiva que completan María Coto, Pablo Pineda, Irene Ortiz, Rosa Larrañaga, Amparo López e Inés Fumero, das universidades de Sevilla, Alcalá de Henares, Córdoba, Autónoma de Madrid, Jaume I e Barcelona, respectivamente. Así mesmo, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte está representada no Cesed polos estudantes Zeltia Augusta Pino, anterior coordinadora xeral da asociación, e Pedro de la Torre, como responsables de dúas das súas comisións de traballo.

No referido á etapa que comeza, Álvarez apunta en primeiro termo á reforma da lei de educación e á importancia de que esta recolla dúas das principais demandas da Cesed, “a modificación da formación inicial do profesorado e do acceso á profesión docente”. Nese senso, lembra que a Cesed vén traballando “man a man” coa Conferencia de Decanas e Decanos de Educación, na procura dun “consenso” no referido á necesidade de modificar, apunta, tanto o actual sistema de acceso ás titulacións, como os seus plans de estudos, para achegar “unha formación máis integral e adaptada ás necesidades educativas actuais”, incorporando cuestións como "a educación emocional e aeducación afectivo-sexual". A ampliación do período de formación práctica, explica Álvarez, é outro dos aspectos que pon sobre a mesa a Cesed, que se atopa en proceso de adhesión ao comité de asuntos sectoriais da Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Universidades Públicas (CREUP). Máis aló da reforma lexislativa, engade, a asociación buscará traballar "noutros moitos ámbitos", a través das súas comisións sobre innovación, igualdade, educación emocional, inmersión lingüística ou na recementente creada comisión de sobre “participación estudantil en tempos de pandemia”, así como “mellorar a súa visibilidade” e darse a coñecer "como unha canle das opinións dos estudantes”.