DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Fernández foi un dos integrantes da selección española, adestrada por Daniel Rivera

Dous integrantes do EXP-UVigo logran o bronce na olimpíada de xadrez para persoas cegas

Trátase da primeira medalla acadada por España nesta competición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 26/06/2025

A selección española alzouse na localidade serbia de Vrnjacka Banja coa medalla de bronce da décimo sétima edición da Olimpíada de Xadrez por Equipos para persoas cegas e con discapacidade visual e fíxoo cun equipo no que estaba dobremente representado o Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo. Por unha banda, polo director técnico do club universitario, Daniel Rivera, que exerceu como seleccionador dun combinado integrado por cinco xadrecistas, entre os que se atopaba o integrante do EXP-UVigo David Fernández.

Trátase da primeira medalla acadada por España nestas olimpíadas promovidas pola Asociación Internacional de Xadrez en Braille (IBCA), que reuniron en Serbia 28 seleccións de catro continentes. Nelas, a medalla de ouro foi para Polonia, mentres que Venezuela acadou a prata e España alzouse co bronce, cun balance de seis vitorias, un empate e dúas derrotas nas nove roldas de competición. 

Integrada por Daniel Pulvett, Roberto Clemente, Miguel Arnedo, Esmeralda Sánchez e David Fernández, a participación neste torneo da selección adestrada por Rivera viuse precedida pola concentración que o equipo levou a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Este centro do campus pontevedrés foi escollido pola Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC), para a preparación dunha competición na que, ao bronce por equipos, sumouse a medalla de prata individual acadada por Pulvett e Clemente.