DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Post-Growth Innovation Lab, terá lugar o vindeiro mércores 23 na Vicerreitoría

Dous libros publicados por Cambridge achegan ao campus un debate sobre os efectos do ser humano nos ecosistemas 

Stefania Barcia e Marco Armiero presentarán ‘Forces of reproduction’ e ‘Wasteocene’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 18/02/2022

Editados por Cambrigde University Press, os libros Wasteocene e Forces of Reproduction, dos investigadores Marco Armiero e Stefania Barca, permitirán afondar o vindeiro mércores 23 nos efectos da actividade humana sobre os ecosistemas desde dúas visións alternativas á habitual concepción do Antropoceno, na presentación que terá lugar na sede da Vicerreitoría do campus. Programada para ás 19.00 horas, trátase dunha actividade promovida polo Post-Growth Innovation Lab, o grupo de investigación coordinado por Mario Pansera, quen destaca a importancia de contar na Universidade “con dous académicos do máis alto nivel”, cos que, tomando como punto de partida os seus libros, promoverase unha actividade de carácter divulgativo e aberta ao público. Esta presentación, que se levará a cabo en inglés, permitirá por unha banda coñecer a visión de Marco Armiero, director do KHR Environmental Humanities Laboratory de Estocolmo, sobre “a importancia que ten a xeración de lixo no actual sistema de economía lineal” e que lévao a falar no seu libro da “era xeolóxica do lixo”, como apunta Pansera. Investigadora distinguida Beatriz Galindo na Universidade de Santiago de Compostela, Barca achegará, por outra banda, unha visión crítica do “relato do Antropoceno”, na que porá de relevo “a diferencia entre o traballo produtivo e reprodutivo”.

Pertencentes a unha serie, Elements in Environmental Humanities, que trata “a relación entre os estudos humanísticos e o medio ambiente”, Forces of Reproduction e Wasteocene serán o eixo dunha actividade que se abrirá coa presentación das publicacións e dos seus autores por parte de dous investigadores predoutorais do Post-Growth Innovation Lab, o grupo que Pansera impulsou no campus como beneficiario da bolsa Starting Grant, do Consello Europeo de Investigación (ERC) polo proxecto Prospera. Nese senso, destaca o interesante desta iniciativa tanto á hora de contribuír o labor de internacionalización da Universidade como para promover unha interacción entre o grupo de investigación e dúas persoas “que son unha referencia mundial nos campos da economía ecolóxica feminista e da historia medioambiental”, con liñas de traballo “directamente relacionadas coa idea de innovación pos-crecemento” na que traballa o grupo. De feito, Barca é unha das investigadoras participantes no proxecto JUST2CE, que o grupo leva a cabo co financiamento do programa H2020, á vez que Armiero pon o foco en Wasteocene nun dos casos de estudo deste proxecto europeo, o do vertedoiro de residuos electrónicos de Agbogbloshie, na capital de Ghana.

Unha visión “contrahexemónica” do Antropoceno

O “nexo traballo-xénero-ecoloxía” constitúe o eixo do labor investigador de Stefania Barca, que no seu libro Forces of Reproduction. Notes for a Counter-Hegemonic Anthropocene, achega unha visión crítica sobre como o concepto do Antropoceno, termo que fai referencia a unha época xeolóxica marcada polo impacto das actividades humanas sobre o ecosistema, “foi incorporado dentro dunha narrativa hexemónica que representa ao ‘home’ como a forza ecolóxica dominante da nosa época, salientando o poder de destrución e salvación das tecnoloxías industriais”, como recolle o seu texto de presentación. Fronte a esta visión e “situando a ecoloxía política feminista no centro da súa crítica”, Barca presenta unha “narrativa contrahexemónica baseada na perspectiva do coidado da terra” e do que denomina “forzas da reprodución”, pondo o foco naqueles suxeitos e accións que garanten as “condicións biofísicas” que fan posible a reprodución humana.

Os efectos do Antropoceno no propio ser humano

Presidente da Sociedade Europea de Historia Ambiental e director de investigación do CNR ISMed de Nápoles, a liña de investigación de Marco Armiero “céntrase na ‘nacionalización’ da natureza, as migracións e o medio ambiente e a xustiza ambiental”, como recolle o texto de  presentación de Wasteocene. Stories from the Global Dump, libro que parte da idea de que o Antropoceno “non afecta a todos da mesma maneira”. Nese senso, a publicación que o vindeiro mércores presentará en Pontevedra toma como punto de partida a pregunta de “que aspecto tería o Antropoceno, se en lugar de buscar as súas pegadas na xeoesfera”, se buscasen na “organosfera, nas ecoloxías dos humanos e as súas implicacións co medio ambiente”. De aí que Armiero fale no seu libro do Wasteoceno, da época xeolóxica do lixo, marcada pola “imposición de relacións de malgasto” e a construción de “ecoloxías tóxicas, feitas de substancias e narrativas contaminantes”.