DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez estudantes traballan nunha serie de curtas xunto co videoartista Adrián Canoura

Dous meses de experimentación guiada para abrir Novos Cinemas

Os resultados deste taller estrearanse na primeira xornada do festival

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/11/2021

Achegarse ao cinema desde a confluencia con outras artes e linguaxes e experimentar con diferentes formatos, técnicas e ferramentas, co obxectivo final de dar forma a unha serie de curtametraxes que se estrearán o 14 decembro, na xornada inaugural da sexta edición de Novos Cinemas. Esta é a proposta que o cineasta e videoartista Adrián Canoura trasladou aos dez alumnos e alumnas participantes no obradoiro Videohipnose. Experimentar co cinema na era dixital, unha actividade impulsada polo festival e a Vicerreitoría do campus na que Canoura propón unha experimentación “con condicionantes”. Concretamente, propuxo ás e aos participantes as opcións de traballar con imaxes de arquivo, de achegarse “a cuestións máis abstractas” ou “deixarse levar polo cinema máis contemplativo”, como puntos de partida para as súas pezas.

Dez estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes foron seleccionados, na convocatoria aberta por Novos Cinemas, para unha iniciativa formativa que, como explica o director artístico do festival, Suso Novás, buscaba nesta edición achegarse ao “ámbito da videocreación e as interseccións do cinema con outras artes”, da man de Canoura, cuxo traballo abrangue desde a realización de videoclips ou películas, ata performances ou proxectos ligados á creación en directo con grupos como Baiuca. Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este venres a segunda sesión de traballo deste taller, na que Canoura e o alumnado participante mantiveron un encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Tres propostas como punto de partida

A película documental Cinco condicións, dos cineastas daneses Lars von Trier e Jorgen Leth, na que o primeiro propón ao segundo unha serie de condicionantes de cara a realizar de novo unha curtametraxe que gravara décadas antes, serviu como punto de partida da proposta que Canoura articulou para este obradoiro. “Por un lado, quixen levalo máis ao terreo no que me desenvolvo actualmente, máis tirando á videoarte e á confluencia entre varios estilos”, explica o cineasta, que á súa vez atopou neste filme o “fío condutor” para guiar os traballos do alumnado. Concretamente, propuxo ao alumnado tres condicionantes, tres “materias de traballo”, para a partir de aí “ver as súas intencións e por onde van navegando”. Por unha banda, “propúxenlles traballar con material de arquivo”, explica Canoura, que tamén lles deu a opción de dirixirse cara ao ámbito da videocreación e a experimentación, a través, por exemplo, do uso de “sintetizadores de imaxe” que permitisen “efectos máis manuais”, fóra dos habituais programas de edición. Por último, a observación de traballos previos dos seleccionados e seleccionadas, “que tendían moito á inmediatez, a unha edición moi rápida”, motivou unha terceira proposta, a de “deixarse levar por un cinema máis contemplativo”.

Pezas froito do diálogo

Fernando Areal, Clara Borrazás, Lara Cores, Yasmina Farhani, Tamara Goberna, Antía Encisa, Alejandro López, Rubén Mascato, Claudia Pineda e Cristina Vera son os dez participantes neste obradoiro estruturado en catro sesións, que arrancou en outubro cunha primeira sesión dirixida a amosarlles unha serie de traballos que puidesen servirlles de referencia. Xa este venres, os alumnos e alumnas puideron presentar as súas primeiras ideas de traballo, coa obxectivo de “dialogar e orientalos un pouco cara onde poden tirar”, explicou Canora. De feito, na seguinte xuntanza, programada para finais de novembro, terán que presentar unha primeira versión das curtas que se estrearán o 14 de decembro.  

Xurado novo

Ademais de polos resultados deste obradoiro, o alumnado tamén estará presente no festival a través do Xurado Novo. Ata o 15 de novembro permanece aberto prazo de inscrición para aqueles e aquelas interesados en ser un dos cinco integrantes deste xurado. A convocatoria está dirixida as persoas matriculadas ou que o pasado curso completaron os seus estudos nas diferentes titulacións de grao, mestrado e doutoramento do campus. O seu labor será asistir ás proxeccións dos filmes que concursan na sección oficial do festival, para ditaminar cal é merecedora do Premio Xurado Novo á mellor longametraxe.