DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A gala de entrega será o 24 de xaneiro no Biopolo Sionllla de Santiago de Compostela

Dous proxectos do CINBIO, candidatos biotech aos XI Premios Bioga

Liderados pola investigadora María Mayán, buscan terapias innovadoras en envellecemento e cancro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 16/01/2025

Dous proxectos promovidos pola investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, María Mayán, son finalistas aos XI Premios Bioga na categoría Bioidea Empresarial, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro venres día 24 no Biopolo Sionlla de Santiago de Compostela. Nun dos traballos investigan un potencial tratamento para o cancro de mama triplo negativo, caracterizado pola súa agresividade e mal prognóstico e, no outro, para a osteoartrite, a forma de artrite máis prevalente en todo o mundo.

Convocados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias de Vida (Bioga) os galardóns celebran este mes a súa XI edición como premios autonómicos que recoñecen a consolidación empresarial, o talento e a innovación no sector biotech, incentivando o labor de empresas innovadoras neste ámbito e promovendo a xeración de novas iniciativas. Trátase dun recoñecemento apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e no que nesta ocasión compiten un total de 18 proxectos e empresas biotech de Galicia repartidos en tres categorías: Bioempresa Innovadora, Bioempresa Xove e Bioidea Empresarial. 

“Os Premios Bioga son un gran recoñecemento na contorna da innovación, polo que agardamos que poidan ser de axuda para espertar a atención de empresas que poidan estar interesadas en transferir ambas tecnoloxías co obxectivo de desenvolver terapias innovadoras en envellecemento e cancro”, explica Mayán.

O cancro de mama e a osteoartrite como foco de bioidea empresarial

Adscritos ao CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, o grupo CellCOM está a investigar un potencial tratamento do cancro de mama triple negativo a través dunhas nanovesículas que restablezan niveis dunha proteína implicada na comunicación celular. Polo de agora conseguiron xa identificar unha nova diana que participa na sinapsis inmunitaria, restaurando a resposta inmune antitumoral.

O segundo proxecto de CellCOM candidato aos Premios Bioga busca tratar a osteoartrite a través dun mecanismo molecular baseado nunha conexina con actividade senoterapeútica. A osteoartrite incide sobre todo na poboación de idade avanzada, afectando considerablemente á súa calidade de vida, causando dor e mobilidade reducida. A estratexia terapéutica proposta polo equipo liderado por María Maýan ten por obxectivo transformar o tratamento desta doenza crónica mediante o uso de terapias baseadas en péptidos que restauran a capacidade de rexeneración do tecido, e que é tamén potencialmente aplicable a outras enfermidades asociadas ao envellecemento.