David Fernández é un dos integrantes da selección española, que ten como adestrador a Daniel Rivera
Dous representantes da EXP-UVigo, nas Olimpíadas de Xadrez para persoas con discapacidade
A competición desenvólvese ata este venres en Uzbekistán
Deportistas de 41 países reúnese nestes días na cidade de Samarcanda, en Uzbekistán, para participar nas Olimpíadas de Xadrez para persoas con discapacidade, unha cita na que o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo está dobremente representada. Á fronte da selección española atópase o xadrecista e presidente da EXP, Daniel Rivera, capitán e adestrador dun combinado do que forma parte o tamén deportista do equipo universitario David Fernández, un dos cinco xadrecistas que representan a España nesta competición por seleccións.
Organizada pola Federación Internacional de Xadrez (Fide), xunto coa federación uzbeka, esta competición reúne ata o 18 de setembro “as mentes máis brillantes do xadrez adaptado mundial”, sinalan desde o club pontevedrés. Desde a EXP destacan nese senso o “inmenso orgullo” que supón a “histórica participación” dos seus dous representantes nesta cita internacional, o cal “subliña non só o altísimo nivel competitivo do club, senón o seu profundo compromiso coa inclusión, o esforzo e a superación a través do taboleiro”. Desde a súa dirección sinalan tamén que “ver a Daniel dirixindo a selección nacional e a David competindo ao máis alto nivel en Samarcanda é a maior recompensa ao traballo diario do noso club”, xa que ambos “son embaixadores inmellorables dos valores que ensinamos na nosa escola: respecto, resiliencia e a certeza de que no xadrez non existen barreiras”.
Xunto a David Fernández, o equipo español nesta cita internacional está integrado por Agustín Fernández, José Manuel Vela, Iraida Casadevall e Alejandro Martínez. Rivera, como adestrador, e Fernández, como xogador, xa formaran parte o pasado ano do equipo co que España acadaba a medalla de bronce na Olimpíada de Xadrez por Equipos para persoas cegas e Fernández Lago xa participara previamente nestas olimpíadas para persoas con discapacidade, no ano 2020, nunha edición disputada en liña por mor da covid-19.
Dúas vitorias nas tres primeiras xornadas
O pasado venres, a selección española iniciou esta competición a sete roldas, disputada polo sistema suízo, cunha “contundente vitoria ante a potente selección de China”, sumando 3,5 puntos de catro posibles. Nesta rolda, David Fernández iniciou a súa participación nestas Olimpíadas de Xadrez asinando unhas táboas fronte a Kaiming Shi. Ao día seguinte, o combinado español caeu derrotado por 3-1 fronte á Arxentina, nun enfrontamento no que Fernández Lago foi superado por Leonel Amato.
Xa na terceira xornada, España sumou a súa segunda vitoria fronte a Cimbabue, sumando tres novos puntos que sitúan á selección no posto 13 da clasificación xeral a día de hoxe. Na tarde deste luns, o equipo adestrado por Rivera mídese ao equipo de Croacia.
