Promovido pola Fundación Atresmedia, recibiu máis de 800 candidaturas
Dous traballos da Facultade de Comunicación, finalistas dun concurso sobre os perigos dixitais que afectan á mocidade
Centrados na difusión de noticias falsas e a adicción ás redes sociais
Máis de 800 mozos e mozas presentáronse neste 2025 á cuarta edición de Efecto Mil, un concurso promovido pola Fundación Atresmedia, coa colaboración da Fundación Telefónica, que ten como obxectivo impulsar un bo uso das redes sociais entre a mocidade e sensibilizala respecto dos “riscos dixitais” aos que enfronta no seu día a día. Aberto á participación de persoas de entre 16 e 25 anos, este certame propuña abordar estas cuestións a través de vídeos de curta duración, ideados para as redes sociais. De entre todas as propostas presentadas, a organización seleccionou dez vídeos finalistas, entre os que se atopan dous traballos realizados por estudantes da Facultade de Comunicación, centrados nos perigos da difusión de noticias falsas e da adicción ás redes sociais.
Raquel Dopazo e Enoc Fernández, con Noticias que impactan, e Nuria Sabín e Verónica Sobral, con Life Wrapped, son as e o responsable destes dous vídeos finalistas, nacidos como traballos para unha materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. A súa selección permítelles tomar parte nestas semanas nun curso virtual sobre produción e difusión de vídeos en redes sociais, previo a unha fase final na que deberán tratar de converter en virais os seus vídeos.
Concienciación ante situacións da vida diaria
Nesta cuarta edición de Efecto Mil, propúñase aos participantes a creación de vídeos de ata un minuto de duración que puxesen o foco en cuestións como “os perigos dos retos virais, o acoso nas redes sociais, o discurso do odio, as noticias falsas e a adicción ás redes sociais”, segundo sinalan desde a organización. Do mesmo xeito, os promotores deste certame convidaban ao uso desta iniciativa como exercicio académico, co fin de fomentar entre a mocidade unha “reflexión sobre a contorna mediática e dixital na que se atopan”. Nese senso, os vídeos do alumnado da UVigo naceron como traballos para a materia Produción publicitaria na web e multimedia, que imparte Alberto Dafonte.
“Ser finalistas é unha oportunidade moi boa, xa que temos a sorte de estar recibindo unha formación por parte da Fundación Atresmedia para axudarnos a impulsar a difusión do noso proxecto na próxima fase do concurso”, sinalan Dopazo e Fernández. Estes dous estudantes lograron o pase final cun vídeo no que presentan unha serie de exemplos da vida cotiá, que van desde mirar a data de caducidade dos alimentos ata “comprobar se temos as chaves antes de saír”, para incidir en que se ben as persoas comproban moitas das accións que realizan no seu día a día, logo “compartimos o que vemos na rede sen pensalo”. O seu obxectivo era elaborar unha peza que convidase “a reflexionar sobre a importancia de “verificar as noticias antes de compartilas”, amosan que “unha noticia falsa pode ter tamén consecuencias reais”.
Sabín e Sobral optaron por centrarse “no que consideramos un dos riscos máis normalizados e menos cuestionados” pola mocidade, “a gran cantidade de tempo que investimos nas redes sociais, moitas veces sen ser conscientes” explican. A súa idea foi presentar este feito, desde a ironía, como “un tipo de adicción silenciosa, que se disfraza de entretemento”, inspirándose no formato de Spotify Wrapped, que ofrece un “resumo anual” da música máis escoitada por cada persoa usuaria. Deste xeito, no seu vídeo buscaron pór de relevo como “de media, pasamos 2257 horas ao ano en apps como Instagram ou TikTok”, para logo presentar unha serie de exemplos “cousas que poderíamos ter feito” nese mesmo tempo. Nese senso, estas dúas alumnas recoñecen como “un impulso moi motivador” ter sido seleccionadas finalistas por un traballo que busca “facer unha chamada á reflexión e ao consumo consciente”.
O seguinte paso, viralizar os vídeos
Os autores e autoras dos vídeos finalistas participan nestas semanas no curso virtual ‘Jóvenes creadores en ideación, producción y difusión en RRSS’, impartido por profesionais de Atresmedia, que abrangue módulos sobre creatividade, guión, técnicas de márketing, redes sociais ou ciberseguridade. O obxectivo desta formación é tamén que poidan aplicar o aprendido e mellorar as súas pezas, xa que o 30 de maio dará comezo as seguinte fase de Efecto Mil. Nela, as e os finalistas “deberán centrar os seus esforzos en viralizar os seus vídeos nas redes sociais escollidas, co obxectivo de alcanzar un maior número de persoas posible”, destacan desde a organización. Finalmente, un xurado integrado por profesionais menores de 25 anos do grupo Atresmedia e de Telefónica, e un xurado sénior, integrado por representantes das fundacións promotoras e profesionais, encargarase de elixir o vídeo gañador, cuxos autores obterán un pack tecnolóxico valorado en 3000 euros, así como a peza merecedora do segundo premio.