DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnas de Esdemga enchen de cor coas súas propostas a Casa Galega da Cultura

Un, dous, tres… máis de trinta deseños fascinados polo deporte e a súa estética

'1, 2, 3, escondite inglés' poderá visitarse ata finais de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/05/2019

África Abadín, Miriam Cartagena, Susana Fall, María Lázaro, Paula Malvar, Zaira Margae, Xoana Medraño, Atsuto Oda, Andrea Piñeiro e Nerea Rodríguez. Estas dez creadoras, alumnas do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda e do título propio de Estudos de Deseño Téxtil e Moda (Esdemga), amosan desde hoxe ao público as súas propostas na mostra 1, 2, 3, escondite inglés, que se poderá visitar ata finais do mes de xullo na Casa Galega da Cultura. As preto de 40 pezas que integran a mostra, achéganse ao lúdico, ás veces, a través da súa dimensión máis inocente e infantil, e outras a través de creacións máis próxima á práctica deportiva. Elaboradas con tecidos de algodón, lá, pezas de cestería, coiro, arame, cristal ou metal, as coleccións, nas que cor é protagonista, comparten a fascinación polo deporte e a súa estética.

“Apetecíanos moitísimo, había moitos proxectos que reinterpretan conceptos de base vinculados cun universo adolescente de relación co xogo, desde os puzzles, ao deporte, o universo dos colleges americanos…. e pareceunos interesante ver como eses universos vinculados ao lúdico impregnaban e servían de motor a moitas coleccións”, explica Lola Dopico, comisaria da mostra e directora do mestrado, que lembra, que a revolución da moda do século XX está totalmente relacionada co deporte. En canto ao protagonismo que a cor adquire nas pezas que integran esta mostra, Dopico considera que “é lóxico pola temática”, ao tempo que recoñece a dificultade que a presenza de tanta variedade cromática introduce á hora de realizar a montaxe da exposición. 

Dopico, xunto a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini e o concelleiro da Área de Cultura, Cayetano Rodríguez, asistiron este mediodía ao acto de presentación da exposición, que será inaugurada esta tarde noite. Para Caparrini esta mostra é un exemplo máis de como a Universidade de Vigo lle devolve á sociedade a confianza que deposita nela. “Aquí pode verse o resultado do traballo que se fai na Facultade de Belas Artes e no máster, cuxas egesadas e egresados son moi demandados en firmas de moda de prestixio e tamén unha proba de que no ámbito das humanidades tamén se investiga”, sinalou a vicerreitora. 

Talento, creatividade e capacidade de traballo

Grandísimo talento, creatividade e capacidade e traballo, son segundo a comisaria da exposición, as características comúns das autoras das coleccións que integran 1,2,3, escondite inglés, que asegura ten a intención de “amosar cousas frescas, de xente que se está a formar e que ten a oportunidade con 20 anos de non ter medida. Non son proxectos de industria, pero si o que a industria quere: frescura, risco…”, asegura Dopico.

É nas coleccións Etymon de Susana Fall; Find me. I am here de Xoana Medraño e IVY League Collection de Andrea Piñeiro, onde o deporte ten unha maior presenza. Fall explora aspectos biográficos da infancia do seu pai, deixando que Dakar compoña a paleta de cor e as mesturas de tecidos de algodón estampados artesanalmente. Pola súa banda, inspirada I,m here de Spike Jonze, na obra de Xoana Medraño as flores cobran especial protagonismo, a través de microestampados, en contraposición a brochadas de pintura, e tamén nos complementos. Na colección IVY League Collection, Andrea Piñeiro, toma como referencia o estilo deportivo desenvolvido polas universidades de elite de EEUU e reinterprétao a través dunha volumetría, por momentos escultural.

How I wish I had a doppelgänger de África Abadín e What a folly! de María Lázara comparten un aire adolescente. Así, a obra de Lázara invita a pensar nun mozo permanentemente vestido cun pixama e conectado co mundo a través das pantallas de videoxogos, mentes que a proposta de Abadín, o protagonista é un contemporáneo dandy tennager aburrido, desenvolvido a través dunha revisión do dandismo cun trampantollo aplicado sobre diversos materiais como o punto ou tecidos intervidos con debuxos impresos. 

Co coiro como material protagonista, a colección Hell’s Candies de Zaira Margae rende homenaxe ás personaxes e ás atraccións de Coney Island e ao seu mundo transgresor e excéntrico, a través de botas de pel pintadas a man ou impactantes sombreiros Chupa Chups. Mentres, Paloma Malvar dá forma a Windy day, unha colección cun xogo de equilibrios nas formas e que establece unha conexión co mundo do xogo, humor e sutileza que desenvolve Calder na súa obra. Mentres, Miriam Cartagena con Rue Simon Crubellier. Historia de una escalera desprega a súa obra como se fose unha casa de monecas, na que cada estilismo é unha das personaxes.

Atusto Oda traslada ao espectador na súa colección Boy and Boybility a un universo conectado co xogo e a infancia, un mundo de fantasía recreado nunha indumentaria, construída cunha paleta de cor moi poderosa e con retallos de tecidos patchwork. Mentres, en About dreams, Nerea Rodgríguez crea estampados de ananiños e pompóns utilizando mantas de fibra polar e lá de moher e tocados en forma de ananiños, elaborados con resina.