DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mari Carmen Lago e David Fernández formarán parte da selección española neste torneo en liña

Dous xadrecistas do EXP-UVigo participarán na Olimpíada para deportistas con discapacidade

Trátase da primeira vez que nai e fillo representarán a España nun mesmo torneo olímpico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 19/11/2020

Mari Carmen Lago e David Fernández, deportistas do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, son dous dos integrantes da selección coa que España competirá a vindeira semana na Olimpíada en liña para deportistas con discapacidade. “Penso que se trata dun dos maiores éxitos deportivos, para nós como escola e tamén para Pontevedra”, salienta o director técnico do EXP-UVigo, Daniel Rivera, da elección destes dous xadrecistas para formar parte do equipo co que España competirá do 21 ao 27 de novembro nun torneo que, dada a situación sanitaria, desenvolverase a través da rede e no que competirán 61 equipos integrados por xogadores e xogadoras con discapacidade visual, auditiva e física.

Ademais de xadrecistas do EXP-UVigo, Mari Carmen Lago e David Fernández son tamén nai e fillo, polo que a súa elección para participar nesta competición organizada pola Federación Internacional de Xadrez converteraos na primeira nai e descendente en formar parte dun mesmo equipo nun torneo olímpico na historia do deporte español. “Podemos atopar outros exemplos de pais e fillos ou nais e fillas olímpicas, pero non ao mesmo tempo”, salienta o xerente do club universitario, Pablo García. Xunto a Lago e Fernández, o equipo co que España competirá nestas olimpíadas en liña, nas que parte no posto 21, estará conformado por Albert Olivera, Agustín Fernández, Gavril Draghici e Ana Linares, co gran mestre Arthur Kogan como capitán. 

Nun ano no que a covid-19 obrigou á suspensión de múltiples competicións deportivas, entre elas os propios Xogos Olímpicos de Tokio 2020, a Federación Internacional de Xadrez decidiu converter en virtual esta competición, que poderá seguirse a través da plataforma chess24.com, como explica García. “É un dos poucos deportes que se pode practicar en liña”, salienta o xerente do EXP-UVigo, que destaca a “auxe sen precedentes” que neste contexto de pandemia está a vivir o xadrez.

Parte do ADN da escola

“Trátase dun auténtico balón de osíxeno emocional”, salienta Pablo García da selección destes dous deportistas, nun momento marcado pola covid-19, no que “a nosa escola tamén está a loitar pola súa propia supervivencia”, polo que, sinala, “a convocatoria de David e Mari Carmen é unha auténtica inxección de ilusión”. O xerente do club pontevedrés sinala así mesmo que os futuros olímpicos forman “parte do ADN” da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, definíndoos como dous “exemplos de superación”. De David Fernández, que foi o primeiro "traballador en nómina" da EXP, García destaca a súa implicación en todos os proxectos da escola, tanto de carácter deportivo, como educativo ou social. “Adestra a rapazada, forma adestradores, dirixe torneos, arbitra, é un dos integrantes dos equipos de inmersión nos campos de do noso proxecto Xadrez Estratexia pola Paz...”, salienta o xerente do club, que, do mesmo xeito, pon de relevo a implicación de Mari Carmen Lago, á que denominan de feito “a madriña da escola”, por permanecer durante moitos anos “apoiando sempre cada unha das actividades que fixemos”. 

“Representar ao teu país é un soño e un premio a un traballo que esixe grandes sacrificios”, engade Daniel Rivera, que foi deportista olímpico co Uruguai e tamén seleccionador do equipo olímpico da Once. “Como adestrador non podo deixar de emocionarme, porque tócache vivir con eles os momentos máis difíciles, as derrotas, os baixóns, tódalas horas de traballo e, sen dúbida, esta é unha das mellores recompensas”, engade Rivera, que, a raíz deste fito, quixo lembrar tamén a figura do que fora deportista do club, xa falecido, Ramón Escudeiro Tilve. Sete veces campión nacional e bronce nun mundial xuvenil foi, lembrou, “un dos deportistas con discapacidade máis laureados do deporte pontevedrés”.