DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto organizado pola Cátedra de Innovación Ribera-Povisa en Saúde da Universidade de Vigo

O doutor Francisco Tardáguila ofrece unha visión humanística da evolución da medicina

Belén Rubio avoga por reforzar a capacidade investigadora e docente da UVigo en saúde e biomedicina

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 31/10/2025

O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, Marco, acolleu na tarde deste xoves a conferencia A evolución da medicina, unha visión crepuscular, impartida polo doutor Francisco Tardáguila Montero, unha figura recoñecida no ámbito da radioloxía en España. O acto, organizado pola Cátedra de Innovación Ribera-Povisa en Saúde da Universidade de Vigo, contou coa presenza da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen presidiu o encontro, así como da primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, e do doutor Cayetano Rodríguez, encargado de presentar o relator.

Durante a súa intervención, Belén Rubio salientou a importancia de que a Universidade de Vigo “siga a avanzar no ámbito da saúde e da biomedicina, reforzando a súa capacidade investigadora e formativa”. A vicerreitora engadiu que “Galicia necesita sumar esforzos e talento para dar resposta ás novas demandas sanitarias e asistenciais, e a Universidade non pode quedar á marxe dese impulso”. Asemade, destacou que “a formación médica de calidade, unida á investigación de vangarda, é clave para o futuro da nosa sociedade”.

A medicina, entre a ciencia e a humanidade

O doutor Cayetano Rodríguez foi o encargado de presentar a Francisco Tardáguila, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela en 1975 -onde obtivo o número 1 da súa promoción-. Exerce como xefe do Servizo de Radioloxía do Hospital Ribera Povisa desde 1987 e ten sido presidente da Sociedade Española de Radioloxía (Seram) entre 2006 e 2008 e o seu nome está ligado a décadas de avances e innovacións no diagnóstico por imaxe. 

Na súa conferencia, Tardáguila fixo un percorrido pola transformación da práctica médica nas últimas décadas, dende o papel crecente da tecnoloxía e a intelixencia artificial ata a necesidade de recuperar o vínculo humano entre médico e paciente. Definiu este proceso como “unha etapa de luces e sombras”, na que a ciencia avanza a gran velocidade, pero corre o risco de afastarse da súa esencia humanista. “O reto da medicina actual -afirmou- non é só curar, senón comprender. Comprender as persoas, as súas emocións, o contexto vital que condiciona a saúde”. A súa reflexión convidou ao público a pensar na responsabilidade ética da profesión médica, na integración da ciencia coa compaixón e na importancia de preservar o espírito crítico e a empatía.