DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 2015 apenas se defenderon na Universidade unha ducia de teses en galego

Doutores en galego: por coherencia, por compromiso, por convicción...

Os autores defenden que a lingua de Galicia é “tan válida como calquera outra” para a ciencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/07/2016

En 2015 depositáronse na Universidade de Vigo preto de medio millar de teses de doutoramento pero apenas unha ducia o fixeron en idioma galego. A piques de rematar o curso o Duvi recolle a opinión dalgún destes investigadores e investigadoras que se decantaron por facer ciencia e facelo na súa lingua propia: o galego. Pertencen a distintos ámbitos: a filoloxía, a tradución, o dereito, as ciencias sociais, a comunicación... e todos coinciden en que a razón principal para ter escollido este idioma como lingua das súas teses de doutoramento é a coherencia, o seu compromiso persoal coa lingua e a cultura de Galicia, e tamén o seu convencemento de que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica.

Margarita Parajó, xurista: “A situación do galego no eido do Dereito é preocupante”

Margarita Parajó, xefa da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, presentou a súa tese o pasado mes de decembro, un traballo rigoroso de arredor de 800 páxinas sobre a obriga do contratista público de indemnizar por danos a terceiros. Fíxoo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que, segundo indica a propia Parajó, non consta a presentación con anterioridade de ningunha outra tese de doutoramento en galego. “A situación do galego no eido do Dereito é preocupante”, admite a investigadora, algo que explica por diferentes motivos, entre eles, os escasos esforzos feitos pola administración de xustiza para vencer a inercia do uso monolingüe en castelán –“con escasas e honrosas excepcións ou iniciativas como a Irmandade Xurídica Galega”-.

A maiores a porcentaxe do seu emprego na práctica forense aínda está moi lonxe dun uso normal, fundamentalmente, explica a investigadora, porque non hai elementos de prestixio que o fortalezan e porque o seu emprego polos operadores xurídicos non é percibido polos receptores como neutro; ao que engade, outro motivo moi simple “o da comodidade”, xa que as ferramentas neste eido non están aínda de todo normalizadas, case a totalidade do material bibliográfico e xurisprudencial está en castelán, e para os casos que poidan ter acceso a recursos ante órganos xudiciais de ámbito superior ao da comunidade autónoma resulta máis práctico empregar anteriores escritos realizados xa en castelán. “Tampouco semella que se fomente e se anime ao seu emprego desde as facultades; cando eu estudei Dereito só tiven un tema dunha materia en galego, pero ningún dos docentes principais das materias me impartiu ningunha clase en galego”, recalca a xurista.

Salvador Castro, docente: “As linguas non deberían ser campos de batalla”

Outro dos casos máis particulares é o de Salvador Castro, autor dunha tese de doutoramento na que analizou as relacións entre cine e literatura na obra de Manuel Rivas. “A directora da miña tese, Carmen Becerra, pertence ao Departamento de Literatura española e Teoría da Literatura e eu son profesor de ensino secundario e pertenzo ao Departamento de Lingua Española e Literatura, polo que a nosa decisión en canto ao idioma da tese pode sorprender a moitos”, subliña o investigador, ao que engade “claro está que Manuel Rivas ten obra publicada en galego, pero tamén en castelán, e que as súas versións cinematográficas máis coñecidas teñen como lingua orixinal o español”, daquela dado o carácter bilingüe dos textos literarios, xornalísticos e cinematográficos, a opción do idioma da tese era relevante. “Dende o primeiro momento, ambos, a miña directora e mais eu, tivemos claro que a tese debía ser en galego, idioma, por outra parte, moi maioritario nas miñas publicacións anteriores. Tratábase de apoiar unha lingua que, por desgraza, como se confirma con situacións como a que hoxe estamos a falar, está en situación de dificultade”, recalca Castro.

“Que beneficios e inconvenientes atopamos no uso do galego? Creo que a cuestión non pode ser respondida en termos de beneficios ou inconvenientes, porque asumir ese reto en castelán tamén tería sido enriquecedor”, admite o investigador. Na súa opinión as linguas non deberían ser campos de batalla senón campos de cultivo e, do mesmo xeito que se debe defender a biodiversidade, débese proceder do mesmo xeito coa diversidade lingüística.

Miguel Anxo Fernández, escritor: “Inconvenientes, ningún”

No caso do escritor e crítico Miguel Anxo Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra e autor dunha tese de doutoramento na que analizou o papel dos escritores galegos diante do cinema no período do franquismo, está convencido de que facer a tese en galego non lle supuxo ningún inconveniente e si moitos beneficios. Lamenta que non se xeneralice o emprego do galego e nesa liña repartiría as responsabilidades, incluíndo ás tres universidades galegas por carecer dunha dinámica suficientemente potente de estímulos, tipo bolsas ou patrocinio da edición en galego, e outros na mesma liña. “Para min unha das maiores satisfaccións desta experiencia, foi precisamente esa: a de escribila e defendela en galego. Coa complicidade dos meus directores e máis do tribunal, conste tamén”, recalcou, ao tempo que engadiu que ningún dos dous directores da investigación eran galegos.

Fronte á crenza de que indo en galego a investigación restrinxirá a súa difusión, o autor considera que de estar interesado na difusión ou a posterior publicación noutra lingua, está a tradución, “polo tanto inconvenientes ningún”.

María Reimóndez, tradutora: “A chave non é o inglés, senón a tradución”

Nesta mesma liña, María Reimóndez, escritora e tradutora, apunta que a única chave para espallar o coñecemento non é o inglés, senón a tradución”. A súa tese tratou precisamente sobre a visión feminista e poscolonial da tradución, teorías que poñen en dúbida as estruturas de poder e as epistemoloxías, algo que considera “fundamental”, para comprender a relevancia que o propio tema ten á hora de falar de por que se escriben tan poucas teses en galego. “Unha das hexemonías que tende a pasarnos desapercibida pero que persoas galegofalantes experimentamos cada día é a hexemonía lingüística”, subliña a investigadora, que fai fincapé en que a sociedade obriga de formas moi sutís (“e outras non tanto”) a aceptar certas linguas como "útiles" e outras desbotalas como non útiles. “Os prexuízos contra o galego nese sentido son cada vez máis fortes, enraizados nunha xenofobia vella que se anova cos discursos centralizadores españolistas recentes e a redución de feito dos dereitos das persoas galegofalantes (redución do galego no ensino, represalias por falar galego en contextos laborais, etc).”, recalca Reimóndez.

Desde o punto de vista desta autora, escribir unha tese en galego é falar en contra desas hexemonías e reafirmarse no feito de que o coñecemento ten que facerse na lingua propia e enriquecer as comunidades que a alimentan. “O galego abre unha ponte entre a universidade e a cidadanía falando na súa lingua ás persoas que moitas veces teñen interese nos temas pero que se lles esixe dominar linguas foráneas para entendelos. Democratiza, se queremos, o coñecemento e faino accesible para todas as persoas que a fin de contas financian cos seus impostos as nosas universidades públicas”, recalca Reimóndez.

Damián Copena, economista: “Para min é algo natural”

No caso do economista Damián Copena, autor dunha tese na que analizou o impacto socioeconómico dos parques eólicos no mundo rural galego, realizar a tese en galego foi algo que nin sequera meditou. “Para min é algo natural, o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica e, desde o meu punto de vista, debería ser normal o desenvolvemento de traballos de investigación nesta lingua”, subliña o investigador, que fai fincapé en que para un galegofalante non hai idioma no que se sinta máis cómodo investigando e facendo ciencia que o seu propio, “sen que isto supoña un límite á divulgación dos meus traballos de investigación noutras linguas diferentes”, recalca.

Xurxo Martínez, filólogo: “A lingua maioritaria na docencia segue a ser o castelán”

Licenciado en Filoloxía Galega, Xurxo Martínez considera “obvios” os motivos polos que se decidiu a facer a tese de doutoramento en galego. “Penso que unha das principais razóns polas que hai tan poucas teses en galego é porque a lingua maioritaria na docencia na Universidade segue a ser o castelán”, subliña o investigador, ao que engade outra reflexión “non todo o mundo está disposto a facer o esforzo de traducir apuntamentos, lecturas, resumos ou traballos do castelán ao galego”. Ademais disto, recalca tamén que o propio modelo educativo, dende os primeiros anos, tende a situar o castelán como primeira lingua no ensino. “Por este motivo cómpre ser ambiciosos no programa lingüístico na escola e universidades públicas”, recalca González.