DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jacobo Rey traballou durante cinco meses na conserxería do Edificio de Ferro

Down Ourense e Universidade valoran positivamente o programa de prácticas no campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 01/04/2008

Jacobo Rey ten 23 anos e acaba de rematar as súas prácticas na conserxería do Edificio de Ferro. Durante cinco meses estivo encargado, entre outras cousas, de abrir e pechar as aulas, de atender ao público, do fax, da fotocopiadora, do correo interno e do préstamo de material. Agora vai comezar a estudar Informática, sector cara o que desexa encamiñar o seu futuro. Jacobo é a primeira persoa con Síndrome de Down que, grazas a un convenio de colaboración entre a Asociación Down Ourense e a Vicerreitoría, realiza prácticas no campus.
“Estou moi contento coa miña experiencia na Universidade, onde me sentín coma un máis. Deume moita pena marchar, aínda que a miña despedida foi o mellor día porque veu moita xente e fixemos unha pequena festa” comentou Jacobo. En canto ao máis destacado do seu paso pola conserxería apuntou “o ambiente de traballo. Levábame moi ben cos meus compañeiros Raquel e Óscar e falábamos moito todos os días”.

Programa de emprego da Asociación Down

María Vizcaíno, técnica de emprego de Down explicou que “a nosa asociación traballa pola autonomía e o benestar das persoas con Síndrome de Down en todos os ámbitos, e un dos piares básicos da independencia é o dereito a un traballo en empresas ordinarias”. Para que isto sexa unha realidade “utilizamos a metodoloxía de emprego con apoio, que consiste en contactar con empresas que teñan necesidade de persoal, analizar o posto que desexan cubrir e, en función das tarefas a desempeñar, encontrar ao candidato ideal” comentou María.
Neste punto a responsable de emprego destaca que “os rapaces con esta discapacidade intelectual poden desenvolver todo tipo de traballos sempre que reciban un adestramento e unha adaptación ás tarefas e estas sexan moi estruturadas e cunhas pautas moi claras” dixo. Unha vez seleccionado ao candidato axeitado para o posto, comeza a inserción no seu posto de traballo da man da figura do preparador laboral que o acompañará e preparará nunha primeira etapa, para ir desaparecendo paulatinamente. “A partir dese momento o rapaz queda só e é o responsable do traballo asignado. O que nunca desaparece é o seguimento, que é constante ata que rematan as prácticas” explicou María.
A raíz deste programa, no que Jacobo Rey foi pioneiro, xurdiu o convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a realización de prácticas “unha idea formidable, pois a traballar apréndese traballando” comentou María Vizcaíno.
En vista dos resultados e do positivo da experiencia, dende a asociación “estamos vendo a posibilidade de que outro mozo comece as súas prácticas no campus. Ademais, por parte do vicerreitor hai una proposta moi interesante de que estas sexan remuneradas para que os traballadores coñezan a realidade e reciban unha recompensa polo seu labor” explicou Vizcaíno.