DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado en Ourense polo grupo Ephyslab

DualSPHysics amosa o seu potencial na simulación computacional de captadores de enerxía mariña

Na formación participan especialistas de 15 países europeos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • TIC
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/01/2020

Con máis de 50.000 descargas nos últimos nove anos, o software DualSPHysics tense convertido nun referente na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais. Para afondar nas súas potencialidades e nas do uso de modelos SPH, o edificio do Campus da Auga do campus de Ourense acolle este mércores e xoves un curso no que participan especialistas de 15 países europeos.

A actividade está organizada por Ephyslab, o Grupo Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), creador deste software referente en simulación computacional de fluídos, e está financiada pola Acción COST (European Cooperation in Science and Technology) chamada Wecanet, financiada á súa vez pola Comisión Europea. Na actualidade, 31 países asociados participan activamente nesta rede, participando por parte da Universidade de Vigo os membros de Ephyslab Moncho Gómez Gesteira e Alejandro Cabrera, organizadores deste curso. “A rede pretende reunir á xente que traballa en Europa neste tipo de tecnoloxía no eido da enerxía das ondas”, indica Moncho Gómez, responsable en Wecanet do grupo centrado en simulación numérica.

Unha ferramenta de balde

Gómez Gesteira foi un dos encargados este mércores de abrir o programa de intervencións do curso explicando o funcionamento de DualSPHysics, que ofrece, apunta, “unha metodoloxía novidosa á hora de desenvolver convertedores de enerxía mariña, estruturas que están na auga para producir enerxía e que flotan, como poden ser captadores de ondas, plataformas petrolíferas ou os novos muíños flotantes”. Estas estruturas, sinala o catedrático da Universidade de Vigo, son moi custosas, polo que, destaca, nelas é especialmente importante traballar “a súa interacción coas ondas do mar”. Os métodos convencionais, comenta o catedrático da Universidade de Vigo, “funcionan ben ata que nos atopamos con cousas irregulares, como ondas moi fortes. Cando te vas a ese tipo de situacións de fenómenos extremos, moi poucos tipos de modelos poden resolvelos. DualSPHysics é precisamente unha ferramenta que usas cando o resto de opcións te fallan”.

Sobre este software desenvolvido desde Ephyslab, Alejandro Cabrera engade ademais como “é o único modelo que podes atopar a día de hoxe de maneira gratuíta en Internet, podendo descargarte o código fonte con exemplos, documentación..”. Con el, indica, “pódese simular un dispositivo flotante con amarres e simular tamén de maneira numérica os sistemas de xeración de enerxía eléctrica”. No desenvolvemento desta ferramenta aberta, lanzada en 2011, participaron universidades como as de Manchester, Gent, Parma, Lisboa e a Politécnica de Cataluña, sendo empregada desde entón por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á Nasa.

No marco desta tiña de traballo, Alejandro Cabrera sinala sobre o curso que se celebra en Ourense como “para nós este evento é moi importante porque este é un dos campos de aplicación que máis nos interesa e no que máis traballamos no noso grupo”. Nos últimos anos, engade o profesor do campus de Ourense, “estamos investindo moito esforzo en estudar aparatos flotantes no mar, como poden ser os dispositivos captadores de ondas”, dando os seus froitos en DualSPHysics, do que en primavera se publicará unha nova versión.  

Universidades e empresas

Ao longo dos dous días de formación que se celebran en Ourense, as e os asistentes afondarán nos modelos de partículas sen malla baseados na metodoloxía SPH (hidrodinámica de partículas suavizadas) e os seus beneficios e vantaxes para a simulación de captadores de enerxía de ondas. A docencia do curso corre a cargo de, ademais dos propios Moncho Gómez e Alejandro J. Cabrera, de José M. Domínguez, da Universidade de Vigo,  Aleksander Grm, da University of Ljubljana (Eslovenia), e Corrado Altomare, da Universitat Politécnica de Catalunya. A cita reúne a persoal investigador de universidades e organismos de investigación europeos e traballadores de empresas do sector da enerxía mariña, que son á súa vez os principais usuarios de DualSPHysics, asistindo especialistas de España, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Dinamarca, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Eslovenia, Suecia, Holanda, Turquía e Reino Unido.