DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fátima Rodríguez e Carolina Buján concorreron na categoría de novos talentos deste certame

Dúas alumnas de CCSS e da Comunicación, finalistas no Festival Inspirational

Promovido pola asociación IAB Spain

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/04/2019

O vindeiro luns 8 de abril, a asociación de empresas de publicidade, márketing e comunicación dixital IAB Spain celebrará en Madrid a décimo segunda edición do Festival Inspirational, un evento dirixido a recoñecer os mellores proxectos desenvolvidos polas axencias e profesionais do sector que, por quinto ano, busca premiar tamén aos novos talentos que se forman nas facultades e escolas de diferentes puntos de España. Doce parellas de alumnos e alumnas de oito universidades e escolas figuran entre as e os finalistas do premio Jóvenes Talentos Digitales que se entregará no marco deste festival, entre elas, a integrada por Carolina Buján e Fátima Rodríguez, alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 

Como unha alegría e un recoñecemento ao esforzo salientan estas dúas alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas a súa selección como finalistas dun concurso aberto a estudantes menores de 25 anos, no que tamén foron escollidos proxectos procedentes das universidades de Alacante, Jaume I e Antonio de Nebrija, así como das escolas Brother Madrid, Brother Valencia e Zink Project. “É un recoñecemento que xa temos aí, que queda no noso currículo e que mostra tamén que nos esforzamos”, salienta Rodríguez da selección do seu traballo entre os candidatos e candidatas ao premio que se fará público o vindeiro luns na gala que IAB Spain organiza no Círculo de Bellas Artes de Madrid, consistente ademais de na proxección do traballo na gala, na asistencia gratuíta aos eventos de IAB Spain en 2019 e nunha praza nun dos cursos promovidos pola asociación. “Sempre estiven interesada nos concursos, é por unha banda un reto persoal, pero tamén unha forma de facer currículo”, engade Buján, quen xa fóra finalista en 2017 do concurso #EstudiantesConTalento, e quen destaca esta selección como unha mostra do valor “de que todo o que aprendemos nestes anos de carreira”.

Ecoloxía e responsabilidade dixital corporativa

Creando oportunidades para el planeta é o título do proxecto polo que Rodríguez e Buján foron seleccionadas como finalistas nun concurso no que todos os candidatos e candidatas partían dun “briefing común”, a proposta de deseñar unha acción dixital dirixida a comunicar “ás accións de responsabilidade social e corporativa do BBVA”, co propósito de trasladar a xente nova a imaxe “dun banco máis verde”, explican as alumnas. “A verdade é que gustounos a proposta”, sinala Buján dun traballo que as levou en primeira instancia a estudar a aplicación dixital do BBVA e as accións de comunicación dixital desta empresa, “para que o noso traballo fose algo coherente coa súa imaxe de marca”, á vez que analizaron tamén a súa competencia e as características do “público moi específico” ao que debía dirixirse a súa proposta.

Partindo destes factores, Buján e Rodríguez deseñaron unha proposta “na que mesturamos un pouco a gamificación e a ecoloxía, todo iso aplicado á app do BBVA”, que incluía un vídeo e unha serie de “bocexos do que sería a aplicación e as funcións que tería”. Un proxecto que será avaliado, ao igual que as outras once propostas finalistas, por un xurado integrado por Lorena Gil, marketing partner de BBVA España; Diego Martínez, responsable de Blue BBVA, e Jaime Bisbal, director de márketing, deseño e venda dixital de BBVA España.