DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polos vídeos 'Únete al cambio' e 'Unha ducia'

Dúas alumnas da UVigo, entre as gañadoras da II edición do concurso Móvete polos ODS

Presentáronse 14 pezas con propostas para alcanzar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/11/2022

A II edición do concurso Móvete polos ODS, impulsado polas tres universidades galegas a través da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, xa ten gañadoras. O premio ao vídeo con máis ‘likes’ (1794) é para Un outfit mil consecuencias, presentado por un equipo de catro alumnas da Universidade da Coruña, no que se trata de concienciar á sociedade sobre os problemas e consecuencias do actual sobreconsumo de roupa. Tamén desde a UDC chega ODS estás a tiempo (1671 ‘likes’), galardoado co 2º premio, un relato no que se apela á necesidade de preservar o planeta e deixar atrás accións que o danen. O terceiro premio (602 ‘likes’) foi para a estudante da Universidade de Vigo Cecilia Jiménez, por Únete al cambio, unha chamada para que todas as persoas se unan á loita para salvar o planeta: reducindo o consumo de plásticos, reciclando, reparando, loitando pola Igualdade…

A maiores outorgouse tamén o Premio á innovación ao vídeo Unha ducia presentado pola alumna da UVigo María Carmen Rodríguez Caeiro no que se achegan “consellos breves pero valiosos” para mellorar a saúde física e mental das cidadás e cidadáns e a súa repercusión na sustentabilidade do planeta, poñendo así o foco no obxectivo número tres: saúde e benestar.

1500 euros a repartir entre as gañadoras

Presentados os catros vídeos premiados por equipas integramente femininas, as autoras de cada un dos vídeos con máis ‘likes’ recibirán como premio unha dotación económica de 550, 350 e 200 euros e, a maiores, a autora do vídeo máis innovador -para o que o xurado tivo en conta criterios como o axuste á temática do concurso, a presentación, a orixinalidade, a creatividade e a calidade técnica-, recibirá 400 euros. 

Con este concurso retouse ao alumnado universitario galego a gravar vídeos dun máximo dun minuto explicando as súas propostas sobre como contribuír a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Presentáronse en total 14 vídeos e na súa resolución final o xurado fixo constar a súa satisfacción polo grao de implicación do alumnado participante, demostrando en cada un dos vídeos o coñecemento da Axenda 2030 e a súa concienciación ao respecto dos retos aos que se enfronta o planeta.  Tal e como se explica na propia acta da comisión de valoración, “todos teñen unha alta adecuación á temática do concurso transversalizando todos eles a Axenda e os ODS”. 

No caso específico da peza galardoada co Premio á Innovación, salientan que “achega unha visión positiva desde a responsabilidade individual, con ideas prácticas que invitan á acción e relacionando o ODS 3, relacionado coa saúde, cos ODS do eido do planeta”. Así mesmo, valoran tamén que o vídeo fai unha reflexión sobre a saúde mental, pondo o foco no coidado, todo a través dunha mensaxe “clara e simple”.

Todos os vídeos que se presentaron ao certame poden verse na canle de Youtube habilitada para o concurso.