DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As conferencias foron impartidas por Miguel Ángel Navarrete e Ramón Garrido

Dúas charlas e unha mesa redonda amosan as potencialidades laborais da tradución literaria e xurídica

Organizadas pola profesora do Departamento de Tradución e Lingüística, Susana Cruces

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Académica
Yaiza Canedo DUVI 25/10/2018

A tradución de textos literarios, as revisións, a tradución xurídica ou o porvir da tradución son só algúns dos temas aos que o estudantado da Facultade de Filoloxía e Tradución tivo a oportunidade de achegarse esta semana a través de dúas charlas impartidas por Miguel Ángel Navarrete e Ramón Garrido, profesionais que contan cunha gran bagaxe no mundo da tradución.

Organizadas pola profesora do Departamento de Tradución e Lingüística, Susana Cruces, as conferencias contaron coa participación do profesorado e o alumnado do centro, que asistiu a un evento que tal e como sinalou Cruces “é de grande importancia e interese, pois achéganos á tradución institucional, que é un campo de traballo enorme para o alumnado da facultade,” e tamén á tradución literaria “a través dun libro tan importante e destacado como é Vinte mil leguas baixo o mar”.

Da tradución literaria...

O primeiro en intervir foi Miguel Angel Navarrete, que iniciou as intervencións este mércores cunha charla titulada Entre los dientes del corista y un astillero fantasma: Apuntes de un traductor de Jules Verne, un relatorio no que o tradutor da Comisión Europea e membro da redacción do boletín dos tradutores españois da UE puntoycoma falou sobre a súa revisión da versión anotada de Jules Verne Vinte mil leguas baixo o mar. Na súa conferencia Navarrete falou sobre a tradución literaria repasando textos do autor francés e comentou, coa participación do público, outros textos de tradución literaria, tratando así os aspectos máis importantes deste ámbito. O alumnado tivo a oportunidade de asistir a unha charla que tal e como declara Susana Cruces  "é unha oportunidade que non se pode desaproveitar, xa que temos o privilexio de contar co tradutor dunha obra tan importante na data do seu aniversario de publicación”. 

... á xurídica

Pola súa parte Ramón Garrido achegou ao alumnado ao mundo da tradución xurada. O tradutor e revisor na Oficina de Interpretación de Linguas do Ministerio de Asuntos exteriores presentou os problemas máis típicos da tradución xurada e que, tal e como indicaba na súa conferencia,“se estenden a calquera outro campo da tradución”. Ademais, o relator achegou un pouco o seu traballo nesta entidade, que é o órgano encargado da tradución e revisión de documentos do ministerio. En canto a este último elemento, a revisión, Garrido quixo facer unha mención especial, xa que como recoñece “é unha parte do proceso de tradución que tende a ser esquecido, cando en realidade, é unha parte fundamental do proceso”. 

Ademais, ambos conferenciantes, que xa acudiran en ocasións anteriores á universidade viguesa para impartir charlas sobre tradución institucional, participaron nesta ocasión nunha mesa redonda na que se abordou principalmente o futuro da tradución, relacionando isto coa súa propia experiencia profesional.