DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Inefable’ e ‘Fume’ figuran entre as quince finalistas deste concurso universitario

Dúas curtas sobre superación nacidas no campus, finalistas dos Showing Film Awards

O vindeiro luns celebrarase en Madrid o acto de entrega de premios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 21/04/2017

Alumnado de 25 países ten participado ao longo dos últimos sete anos nos Showing Film Awards, o certame internacional de curtametraxes promovido pola Showing Foundation e o Centro Universitario Villanueva que o vindeiro luns celebrará en Madrid a entrega de premios da súa sétima edición, na que a Universidade de Vigo estará representada por partida dobre. Un xurado integrado por profesionais do eido seleccionou as curtas Fume e Inefable, realizadas por alumnado e egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, entre as 15 finalistas dun certame que neste 2017 tivo como eixo temático a resiliencia, a capacidade de adaptación a situacións adversas.

“A verdade é que sempre é emocionante recibir noticias como esta, animan moito a seguir facendo audiovisual”, salienta o alumno Alejandro Rodríguez, director de Fume, da selección de a que é a súa primeira curta como finalista dun festival no que a organización repartirá 6000 dólares en premios. Proxectos de dez centros universitarios españois e do Tecnológico de Monterrey mexicano optarán aos galardóns dun certame no que o egresado en Comunicación Audiovisual Jonatan Toucedo será finalista por terceira vez. Desta volta, con Inefable, a curta que realizou o pasado curso xunto con alumnos e egresados da facultade e que narra a historia de superación do campión paralímpico Alejandro Vidal. “Deuse a coincidencia de que fiaba perfectamente coa temática do festival”, salienta Toucedo da curta coa que retorna a final “dun festival bastante interesante, onde podes estar en contacto coa xente do sector”.

Un equipo técnico formado integramente por estudantes

A superación da adversidade, neste caso do falecemento dun ser querido, é tamén un dos motivos centrais de Fume, “un proxecto para clase que xorde da necesidade que tiñamos de contar os nosos sentimentos acerca da morte”, explica Rodríguez. Claudia Alonso, Araceli Louro, Lucía Braña, Denis Carballás, Jorge Asensi, Cristina Burgos, Martín Franco, Manuel Rodríguez, Borja Crespo, Clara Hernández, Lorena Rodríguez, Sara Martínez e Andrea Caeiro completan o equipo técnico, integrado na súa totalidade por alumnado de CCSS e da Comunicación, que deu forma a unha curtametraxe que é o resultado dun “proceso longo e traballoso, xa que intentamos deixar máis espazo á narratividade das imaxes e do silencio que aos diálogos”, como apunta o seu director. Rodríguez presenta Fume como un “conto sobre a morte e como afrontala, visto dunha maneira moi propia”, co que “estamos moi contentos a todos os niveis” e que tras obter un accésit nos premios de creación audiovisual da Universidade de Vigo e das súas seleccións no FIC Bueu e no Xociviga do Carballiño vén de ser seleccionado nestes Showing Film Awards.

A nova versión dunha curta xa premiada

A curta que Toucedo realizou xunto co estudante Nicolás Pérez, o titulado Brais Sousa, Sergio Santiago, Pablo Alén e David Mera, co propósito de dar a coñecer a historia do ribeirense Alejandro Vidal, tres veces campón do mundo de para-taekwondo, xa fora merecedora o primeiro premio do concurso Bit Shooting Star, tralo que chegaron logo novos recoñecementos como a súa selección para o Tlanchana Fest mexicano. Mais todos eles corresponden á primeira montaxe dunha curta da que achegaron unha nova versión, “máis concisa”, a este certame. “Ser seleccionado nun festival deste tipo é toda unha satisfacción”, salienta Pérez da curta na que realizou labores de produción, dirección de fotografía e operador de cámara, xunto con Toucedo, e que á súa vez ten como segundo motivo de satisfacción “ver que a historia de Alex”, co que este estudante entrou en contacto na súa etapa de integrante da selección galega de taekwondo, “ten unha difusión importante”, xa que permite “demostrar á xente que con vontade e ansias de superación pódese chegar a calquera lugar”.