DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca acolle ata xaneiro a mostra ‘Eu son UVigo’  

Dúas exposicións proxectan no campus a traxectoria profesional dos seus egresados e o compromiso co galego da Universidade

En CCSS e da Comunicación poden verse os paneis de En galego! Investigación e divulgación científica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/11/2021

Visualizar os estudos universitarios como unha vía para facer realidade os soños profesionais e pór de relevo o papel que a investigación e divulgación científica poden xogar na difusión do galego son os obxectivos das dúas exposicións que nestas semanas poden contemplarse no campus pontevedrés. Por unha banda, a biblioteca central acolle ata finais de xaneiro os 17 cubos que integran a mostra Eu son UVigo!, no que se presentan os perfís dunha serie de persoas que acadaron recoñecemento profesional e que son egresadas da institución académica ou desenvolven actualmente a súa actividade na Universidade. Por outra, na planta baixa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación poderán verse ata finais de mes os 15 paneis que integran En galego! Investigación e divulgación científica, unha mostra dirixida a dar a coñecer as achegas dos grupos de investigación da institución académica a prol do idioma galego.

Presentada o pasado mes de maio, Eu son UVigo! percorreu nos últimos meses institutos e centros sociais e culturais de toda Galicia co obxectivo de proxectar a imaxe da institución académica como centro de prestixio que prepara para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento. Nos seus 17 cubos, preséntanse fotografías de profesionais de éxito, formados na UVigo ou que desenvolven actualmente o seu labor nesta institución. Investigadores como Pablo Romero ou o catedrático Jesús Simal e titulados como a escritora Ledicia Costas, o actor David Amor, a deseñadora Sheila Pazos ou a ilustradora e ceramista Abi Castillo forman parte dos protagonistas dunha mostra que se exhibe por primeira vez no campus, onde poderá verse ata mediados de xaneiro.

Por outra banda, ata finais de novembro pode verse na planta baixa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a mostra En galego!, comisionada pola Área de Normalización Lingüística, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación. A través de 15 paneis dedicados a diferentes grupos de investigación, esta exposición busca pór de relevo a súa achega e a da propia institución académica na difusión da lingua galega. Como recolle o seu texto de presentación, “a ciencia, en tanto que contribución humana determinante para mellorar as condicións de vida das persoas constitúe unha fiestra clave para as linguas minoradas”. Tras o seu paso por esta facultade, a exposición percorrerá outros centros do campus.