DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As artistas Esther Ferrer e Concha Jérez participaron no ciclo Conversas arredor da performance

Dúas premios nacionais debaten no campus sobre unha arte híbrida “que necesita existir”

O coloquio foi moderado polo profesor de BBAA Carlos Tejo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/11/2018

A Premio Nacional de Artes Plásticas Esther Ferrer e a Premio Nacional de Artes Visuais Concha Jérez, dúas artistas multidisciplinares cunha ampla traxectoria na que, xunto a outra serie de disciplinas, tivo unha importancia central a arte de acción, protagonizaron este mércores na sede da Vicerreitoría do campus a primeira edición do ciclo Conversas arredor da performance. Conducido polo profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo, o coloquio foi abordando diferentes cuestións relacionadas cunha arte “híbrida e integradora”, como sinalou Ferrer, unha disciplina que se define por “ser unha arte presencial, que necesita existir” e que involucra “a parte física e a parte mental”, como engadiu Concha Jérez.

“É un momento único que comparte o artista con público e que ten niso toda unha serie de leis ocultas, o concepto do tempo, do ritmo, e, sobre todo, o desenvolvemento moitas veces sen materiais de todo un pensamento”, destacou Concha Jérez, unha artista recoñecida tamén coa medalla de ouro ao Mérito ás Belas Artes ou co premio MAV (Mujeres en las artes visuales), respecto do eixo dun ciclo dirixido a promover unha reflexión sobre esta disciplina coa participación de diferentes artistas ou críticos. “É unha forma de expresión que integra todos os xéneros, todas as disciplinas, que non ten forma definitiva, nin dogmática, cada artista fai a súa propia interpretación do que considera que é unha performance, e iso é un dos seus grandes intereses e vantaxes, pero tamén un risco”, engadiu Ferrer, cuxa traxectoria artística foi distinguida con premios como o Velázquez, o Marie Claire por l`Art Contemporaine, o MAV ou o Gure Artea do Goberno vasco.

A moda e a teatralización da performance

A partires das preguntas formuladas por Tejo, estas dúas artistas foron abordando cuestións como se a arte de acción constitúe unha práctica periférica ou a súa evolución nas últimas décadas. “A performance cambia como a vida”, salientou Ferrer, quen apuntou que na actualidade “hai moita xente que se interesa” por esta disciplina, tanto desde o punto de vista artístico como académico, e tamén que “evolucionou moito nos últimos anos”, incorporando aspectos como os “cambios tecnolóxicos” que contribuíron a diversificar a súa linguaxe e contidos, “porque tes acceso a maneiras de dicir que antes non existían”. Non obstante, Ferrer tamén apuntou que esta “filla ilexítima da arte, que me gustaría que non se convertese nun xénero máis” está a vivir nos últimos tempos unha “teatralización”, lembrando que nos seus inicios como artista, na década de 1960, “se había un dogma era distanciarse o máximo posible do teatro”, xa que o seu leit motiv “era que a performance non representa, presenta”.

Nese mesmo senso, Jérez recoñeceu que se trata dunha “evolución bastante nociva”, que fai que a performance “quede baleira en moitos casos”. Por outra banda, esta artista tamén puxo o foco en que na actualidade “hai moito interese” por esta práctica entre as novas xeracións de artistas, aínda que tamén incidiu en que o feito de que, ao seu xuízo, a arte de acción “estea de moda” xera o perigo “de que se banalice”. “Estou desexando que pase de moda, para que deste os artistas que realmente teñan a necesidade de desenvolver o seu discurso a través da performance”, concluíu.

A discriminación das artistas

Máis aló da arte de acción, Tejo achegou a este encontro preguntas como se a muller sofre discriminación como artista, que recibiu a resposta afirmativa de Jérez e Ferrer. “Só tes que mirar nos museos e galerías cantas exposicións persoais hai de artistas mulleres”, salientou esta última, quen valorou a implicación neste eido das novas xeracións, “que esixen o que lles corresponde con moito esforzo”, xa que “para conseguir o mesmo unha artista muller ten que traballar cinco veces máis” que un home. “Están loitando máis”, pero non creas que o están conseguindo, lamentablemente”, engadiu Jérez, quen incidiu en que a porcentaxe de obras de mulleres artistas nas coleccións dos museos seguen sendo “mínimas, na maioría do 10 ou 15%”, mentres que Ferrer puxo o foco en como as mostras colectivas que integran obras de mulleres artistas continúan a presentarse como “unha exposición de mulleres”, o que non acontece cunha colectiva que reúna obra de homes ou de artistas de ambos sexos, o que a amosa, denunciou, “que aínda somos unha excepción”. 

Por outra banda, á pregunta de se a arte de acción pode ser unha ferramenta para o cambio político, incidiron na capacidade desta e outras manifestacións artísticas para “pór o foco de atención” en determinadas situacións e problemáticas e promover unha reflexión. “A min non me importa que ao público lle guste ou non a miña obra, pero si que lle dea que pensar”, salientou nese punto Jérez, mentres que Ferrer destacou que “toda manifestación artística pode axudar a reflexionar sobre algo”, pero que se arte “verdadeiramente puidese cambiar o mundo, entón fixémolo moi mal”.