DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica

Dúas rutas buscan iniciar o estudantado e a cidadanía na observación de aves

Con inscrición gratuíta, levarán a percorrer os días 10 e 18 as zonas húmidas do Grove

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 01/12/2021

Observar aves como cullereiros, garzas reais, mazaricos ou biluricos, nun percorrido polos diferentes puntos de observación ornitolóxica das zonas húmidas do Grove. Esta é a proposta, aberta tanto a comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, que a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades impulsan para o venres 10 e o sábado 18 de decembro. Con inscrición gratuíta, en cada unha destas xornadas realizarase un percorrido polo complexo intermareal Umia-O Grove dirixida a iniciar na observación de aves a todas as persoas interesadas.

“Temos a fortuna de vivir nun sitio cunha gran riqueza ornitolóxica e queremos achegar o medio ambiente e os seus valores á cidadanía e, en particular, ao estudantado”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Impulsadas ao abeiro dun convenio de colaboración entre Universidade e Concello e enmarcadas nas actividades de educación ambiental do programa Green Campus, estas rutas ornitolóxicas levaranse a cabo entre as 9.30 e as 13.30 horas, con saída da marquesiña situada fronte á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A actividade está aberta en cada unha das xornadas a un máximo de 50 persoas e as prazas cubriranse por orde de inscrición. Esta pode realizarse a través do correo electrónico oma.po@uvigo.es, debendo indicar na mensaxe a data escollida.

Un dos mellores espazos para a observación de aves

Estas rutas ornitolóxicas achegarán aos e ás participantes a posibilidade de percorrer, “cun guía experto que nos irá orientando e ensinando o nome das diferentes especies”, o que é “probablemente o mellor espazo de Galicia para observar aves de zonas húmidas”, como sinala Souto. En cada unha das xornadas, a ruta comprende o paso por diferentes puntos de observación do complexo, xunto coa visita ao Centro de Interpretación da Natureza do municipio, e o obxectivo é que poder observar “paxaros típicos de zonas húmidas”, como cullereiros, garzas, patos ou diferentes especies de aves limícolas, como os mazaricos ou os biluricos. Para iso, desde a organización porán a disposición dos asistentes telescopios e prismáticos, aínda que, como sinala Souto, “é recomendable que quen teña prismáticos os leve tamén, así como roupa cómoda e de abrigo e algo de comida e bebida”.