DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde hoxe está operativa a consulta do equipo de goberno á comunidade universitaria

Dúas semanas para que PDI, PAS e alumnado do campus de As Lagoas- Marcosende opine sobre a futura situación do seu centro  

Os traslados están condicionados ao resultado da enquisa e das consultas ás xuntas de centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 18/05/2021

Desde hoxe e durante dúas semanas o persoal docente e investigador (PDI), o persoal de administración e servizos (PAS) e o alumnado dos centros localizados no campus de As Lagoas- Marcosende da UVigo poderán participar na consulta á comunidade universitaria co obxectivo de, en palabras do reitor, Manuel Reigosa, “pensando en obter a máxima transparencia e participación, clarexar as opinións ao respecto da impartición de docencia no centro de Vigo”. A enquisa, cuxo texto foi consensuado nunha comisión de claustrais, pregunta aos membros da comunidade universitaria sobre onde preferirían que estivese situado o seu centro de traballo ou de estudos, ofrecendo tres posibles respostas: “no campus Lagoas-Marcosende”; “na cidade” e “non teño unha opinión definida”, así como a posibilidade de incluír un breve comentario. A consulta adxunta información gráfica e un texto no que se explica que neste intre existe a posibilidade de situar algunhas titulacións na cidade, concretamente en tres edificios da rúa López Mora, cunha superficie máxima de 17.000 m2, “que poderían servir para ampliar o servizo de biblioteca e da sala de lectura do campus cidade e para acoller varios mestrados e incluso un título de grao, se así se decidise”, e nos espazos da antiga ETEA en Teis, “onde se poderían instalar titulacións do ámbito científico relacionadas coa investigación mariña”, ademais do Centro de Investigación Mariña (CIM). 

A enquisa, na que tamén se pregunta sobre o tempo de traxecto entre o domicilio e o centro de traballo, facultade ou escola; o número de desprazamentos semanais e medio de transporte máis frecuente, “faise a través de Secretaría Virtual, identificándose as persoas participantes ao inicio, pero gardando os datos de xeito anónimo. Só poden responder as persoas que forman parte do centro neste momento e só o poden facer unha vez”, detalla o reitor en relación coa enquisa, que se circunscribirá a facultades e escolas do campus e que permite separar os datos obtidos por centros e sectores. Reigosa anima á comunidade universitaria a que faga constar a súa opinión sobre “unha posibilidade que ten un carácter disruptivo”, ao tempo que agarda que os comentarios que PDI, PAS e alumnado redacten na enquisa, “nos permita calibrar mellor posibles actividades ou servizos que sexa desexable leva á cidade”. 

Traslados condicionados ao resultado da enquisa e ás xuntas de centro

Unha vez finalizado o período establecido para a realización da enquisa, o resultado porase a disposición dos membros das xuntas de centro, que deberán a súa vez, pronunciarse sobre a posibilidade de que se imparta docencia no centro de Vigo. “Garantimos que é condición necesaria, pero non suficiente, para que propoñamos que un determinado centro mova as súas titulacións desde o campus de As Lagoas ata o casco urbano, que esta consulta sexa positiva e que a Xunta de Centro o aprobe. Con que unha das dúas resulte negativa, xa non haberá posibilidade algunha de que se considere o movemento desas titulacións”, reitera o reitor.

Se a enquisa fose negativa, xa impediría que un centro apostase por mover titulacións cara á cidade, e as xuntas de centro poderán facer o mesmo, de xeito independente. “Ao final, unha vez teñamos toda a información, será responsabilidade do equipo de goberno presentar unha proposta o máis consensuada posible para a súa aprobación polos órganos de goberno”, explica Reigosa, que rexeita que se estea insinuar que o campus de As Lagoas-Marcosende deixe de ser atractivo. “En absoluto, trátase dun campus único, con edificios e contorna de extraordinaria beleza, onde se segue investigando, ensinando e transferindo, así como gozando da vida saudable nas súas instalacións deportivas ou utilizando sendas para pasear”, detalla o reitor.