DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla colabora desde hai oito anos co CPR Alborada 

Na Ecimat os proxectos de investigación do alumnado de Secundaria tamén teñen o seu lugar

O vindeiro ano prevén impulsar un programa no que participen máis centros escolares 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 24/06/2019

No curso 2011-2012, o docente do CPR Colexio Plurilingüe Alborada Alberto García contactou coa Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo solicitando a súa colaboración para colocar unhas estruturas de captación nun dos seus peiraos. Este foi o punto de partida dunha colaboración que este ano cumpre oito e ao  longo dos que a Ecimat, principal infraestrutura do Cento de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), prestou equipamento científico e instalacións; servizos de apoio á investigación, como análise de mostras de augas e organismos mariños; e asesoramento e apoio, para o desenvolvemento dos proxecto de investigación do alumnado de 1º, 2º e 4º da ESO do centro educativo. “O traballo que se fai entra dentro do currículo en moitas materias, xa que hai un obxectivo que é O método científico e tamén integramos estes traballos na programación nas materias e que sendo optativos, contan para as cualificacións”, sinala Alberto García.

Ao longo destes oitos anos de colaboración o alumnado do centro desenvolveu 13 proxectos de investigación mariña de diversas temáticas, abarcando desde o estudo da biodiversidade e de sucesión de organismos mariños no porto marítimo de Bouzas e na illa de Toralla; o estudo da distribución e ecoloxía do bivalvo Donacilla cornea na ría de Aldán ou o estudo comparativo da area das praias da ría de Vigo. “As ideas e a paixón de Alberto pola ciencia e a educación son extraordinarias e poden levarte ao lugar máis insospeitado cunhas mínimas necesidades. A partir da solicitude dun pequeno equipamento ou recursos, como balanzas, tanques ou auga de mar, chegan a desenvolver verdadeiros proxectos de investigación”, explica Damián Costas, director técnico da Ecimat. Pola súa banda, Alba Hernández, técnica da estación e responsable das actividades de comunicación e divulgación do CIM-UVigo destaca “a grande amabilidade, motivación, modestia e implicación, absolutamente eloxiables de Alberto e o seu alumnado”.

Máis aló de cumprir coa súa función educativa, algúns dos proxectos desenvolvidos polo alumando do CPR Alborada acadaron premios en feiras e certames científicos.  Así, en Galiencia, o seu traballo sobre a ameixa Donacilla cornea acadou o premio ao Método científico e proceso de investigación mellor definido, mentres un traballo sobre a biodiversidade da praia de Vilariño gañou na categoría do 1º ciclo da ESO na feira Galiciencia. Este mesmo traballo acadou un premio do concurso Es de libro da Real Academia Española, que recoñece traballos de investigación que respectan os dereitos de autor, e o premio da Asociación Magma para o primeiro ciclo da ESO na Exporeçerca de Barcelona.

Un programa para abrir a Ecimat a máis centros educativos

Coa experiencia acumulada a través da colaboración co CPR Alborada, o CIM-UVigo pretende poñer en marcha o vindeiro ano unha iniciativa para contribuír á integración de proxectos de investigación de temática mariña nos centros educativos máis próximos á Universidade de Vigo, ofrecendo as súas instalacións, persoal e coñecementos aos colexios interesados. “Mediante un programa os centros da área metropolitana de Vigo poderán concursar para desenvolver pequenos traballos de investigación nas instalacións da estación, coa axuda e supervisión dalgúns investigadores do CIM-UVigo e que serán presentados nun certame científico a finais de curso”, explica o equipo da Ecimat, que pretende que esta proposta poida consolidarse no futuro.