DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa asociación Amicos e no marco do proxecto Re-Mar

Ecobas busca voluntarios e voluntarias para unha xornada de limpeza de praias

Terá lugar o 19 deste mes de xullo nun areal de Ladeira, en Baiona

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Cultura
M. Del Río DUVI 01/07/2022

O centro de investigación interuniversitario Ecobas colaborará na limpeza de praias da zona de Vigo no marco dunha das actividades organizadas polo proxecto Re-Mar III, impulsado pola Asociación Amicos xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Trátase dun proxecto que emprega a ciencia cidadá para reforzar a colaboración entre os sectores pesqueiros e ligados ao mar coa poboación local e os visitantes das Illas Atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, na busca dun modelo baseado na conservación da contorna litoral e mariña.

Ecobas súmase a esta iniciativa de voluntariado ambiental facendo un chamamento tanto ao seu persoal como a persoas alleas a el para conformar un equipo que se encargará da limpeza do areal da Ladeira, en Baiona. Tras abrir a inscrición dando dúas opcións de datas para esta actividade, finalmente o día elixido será o martes 19 deste mes de xullo entre as 11.00 e as 13.00 horas. Antes de comezar a limpeza, a doutora Marina Gómez, técnico do proxecto PASOS, dará unha pequena charla de 15-20 minutos para concienciar da importancia que ten a limpeza das praias. 

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 17 de xullo e a Universidade de Vigo proporcionará transporte gratuíto desde Vigo, con saída dende a pérgola da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 09.30 h e parada na Praza de España ás 9.45h.

Re-Mar III

O proxecto Re-Mar de custodia ambiental para a redución de residuos no espazo mariño protexido das Rías Baixas está impulsado pola asociación Amicos xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e desenvólvese en colaboración coa Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar. A súa finalidade é a redución de residuos mariños a través da súa recollida e tratamento pero tamén traballando na prevención. Deste xeito, as diferentes accións que se poñen en marcha están dirixidas tanto á sensibilización ambiental entre a poboación, como á mellora da xestión dos residuos xerados e recollidos polo sector pesqueiro de baixura e pequenas embarcacións recreativas. Ademais, tamén se aborda, a través de intervencións formativas en núcleos de poboación costeiros, a conservación das poboacións de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), mazarico real (Numenius arquata) e píralla das dunas (Charadrius alexandrinus) por medio do mapeado das poboacións destas especies vulnerables. 

Outra das vías de traballo de Re-Mar é a implicación da cidadanía, e é neste aspecto no que se enmarca a colaboración de Ecobas para a limpeza de praias. Dende o proxecto búscase establecer sinerxías entre diferentes actores sociais para a recollida de lixo mariño e para a eliminación de verteduras e focos de contaminación.