DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O convenio presentouse este xoves no festival Sinsal Litoral

ECOBAS, CINBIO e o Clúster Saúde de Galicia cooperarán para impulsar o eido sanitario e socio-sanitario

Foi nunha mesa sobre circularidade celebrada na illa de San Simón

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 24/07/2020

O festival Sinsal Litoral Son Estrella Galicia contou entre a súa programación desta edición coa presentación da liña de colaboración aberta recentemente entre a agrupación ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e o CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas), ambos da Universidade de Vigo, e o Clúster Saúde de Galicia para o impulso de iniciativas no eido sanitario e socio-sanitario. Foi nunha xornada celebrada este xoves pola tarde na illa de San Simón baixo o título A Senda Circular e coa colaboración da Fundación Paideia Galiza. 

O membro de ECOBAS Miguel Rodríguez foi o encargado de explicar a iniciativa na sesión da tarde da xornada, centrada na circularidade. Con máis de 50 participantes vinculados a empresas e entidades, o obxectivo desta xornada foi, segundo explican desde a organización, suscitar a reflexión sobre “a oportunidade de converter os retos da Axenda 2030 en espazos de mellora e evolución que permitan unha mellor adaptación aos cambios futuros”, considerando que a economía circular está chamada a ter un maior protagonismo, a raíz da covid-19, na estratexia das empresas.

Un fito de colaboración

O convenio de colaboración entre ECOBAS, CINBIO e o Cluster Saúde de Galicia foi asinado o pasado 30 de abril. O seu obxectivo, tal e como puideron coñecer as persoas asistentes á actividade, é establecer vínculos entre as tres entidades co obxectivo de promover a colaboración para a posta en marcha de proxectos e actividades conxuntas relacionadas co ámbito sanitario e socio-sanitario, como proxectos de investigación, organización de actividades académicas e apoio a persoal investigador e alumnado, entre outros aspectos. 

Esta unión, sinalan os seus promotores, “marca un fito importante e supón unha oportunidade no impulso do ámbito sanitario e socio-sanitario, ao unir a tres axentes de ámbitos diferentes pero complementarios, que de seguro lles permitirán acadar importantes logros”. Así, detallan, o Clúster Saúde de Galicia exercerá de catalizador nesta cooperación, actuando coma nexo de unión entre o sector industrial, asociacións de pacientes e institucións públicas e privadas de Galicia e o ámbito académico e da investigación universitaria. ECOBAS, pola súa banda, engaden, aplicará o seu coñecemento e experiencia no campo da economía e a xestión empresarial a este ámbito socio-sanitario, e CINBIO, centro cofinanciado con Fondos Feder da UE, fará o mesmo no campo da investigación biosanitaria e biotecnolóxica, e en concreto no relativo á medicina molecular, a nutrición e o benestar, os nanomateriais, a informática para a saúde e a bioestatística.