DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na procura dunha ciencia comprometida e responsable

Ecobas, CITMAga e Cispac lanzan a Declaración de Compostela ‘Da ciencia con conciencia’

Animan aos centros de investigación galegos a que se unan a esta iniciativa 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 03/04/2025

Os tres centros galegos de investigación interuniversitarios Ecobas, CITMAga e CISPAC, asinaron recentemente a Declaración de Compostela Da ciencia con conciencia na que asumen o compromiso de construír “un ecosistema científico colaborativo baseado na excelencia e utilidade social, cun enfoque aberto” á cooperación con outros centros públicos de investigación, tanto universitarios como non universitarios. Os impulsores da declaración pretenden que máis centros de investigación galegos se adhiran, de maneira aberta e participativa, a esta iniciativa de compromiso “coa ciencia aberta, coa construción dunha nova ciencia cidadá e cun modelo de formación académica en proceso de transformación”.

A Declaración, un documento aberto a achegas de mellora, xurdiu da I Xornada dos Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia desenvolvida o pasado mes de febreiro e na que se debateu sobre os grandes retos, dende a crise ecolóxica global ata o inmediato futuro do cambio climático, pasando polo desafío que supón o manexo masivo de datos e o uso da IA, aos que consideran cómpre dar resposta dende as ciencias cun enfoque transdisciplinar “no que conflúan distintas miradas e no que tomemos conciencia dos impactos tecnolóxicos, ambientais e sociais”. Aseguran os e as autoras do manifesto que “conscientes de que non están cambiando os tempos senón que estamos cambiando de Tempo, o incremento de coñecemento xa non é un obxectivo, senón que o verdadeiro obxectivo é a procura de solucións aos problemas das sociedades actuais sumando coñecementos e métodos transversais, dende a transdisciplinariedade”.

O papel central da sociedade na xeración de coñecemento

As entidades asinantes subliñan ademais a importancia da contorna como punto de partida para a investigación, recoñecendo o papel central da sociedade local na xeración de coñecemento global. Finalmente, resáltase a comunicación como ferramenta chave para fomentar o diálogo coa sociedade e os centros de investigación.