DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro de investigación interuniversitario está integrado por 84 investigadores do SUG

Ecobas presenta a súas credenciais para se converter nunha referencia nacional e internacional no eido da sustentabilidade 

A FCEE acolleu este mediodía o acto institucional de presentación do centro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/07/2022

Nado orixinalmente en 2015 como agrupación estratéxica, Ecobas (Economics and Business Administration for Society) foi oficialmente creado  como centro de investigación interuniversitario a finais de 2021, coa sinatura do Convenio de colaboración entre as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A comezos deste ano, e logo dunha chamada pública para a vinculación de persoal investigador ao centro, un comité avaliador valorou todas as solicitudes recibidas e acordou propoñer a incorporación de 84 investigadoras e investigadores do Sistema Universitario de Galicia (SUG), proposta que a finais do mes de abril foi ratificada polo Consello Reitor do centro.  

Rematado este proceso, o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais foi este mediodía o lugar elixido polos directores de Ecobas para presentalo institucionalmente e dar coñecer as liñas mestras da súa axenda científica e do seu plan estratéxico. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicerreitor de de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo; o director do centro, Carlos Hervés e a súa directora científica, María Loureiro, foron os encargados, na xornada titulada Percorrendo o camiño da sustentabilidade, de repasar os logros e os retos de futuro dun centro que entre os anos 2017 e 2021 captou máis de 12,51 millóns de euros e do que saíron 216 publicacións JCR (54% Q1). Reigosa, logo de lembrar as dificultades que país pequeno e cunha poboación envellecida enfronta para competir nun contexto global, agradeceu o traballo de cooperación que están a desenvolver as tres universidades en cuestións como o Plan de Financiamento ou o mapa de titulación, así como para a creación de Ecobas. “Se queremos ser relevantes no contexto internacional temos que facelo mellor que a media en investigación e transferencia”, dixo reitor da UVigo, que asegurou que cómpre buscar unha figura xurídica para darlle cobertura ás e aos investigadores do novo centro interuniversitario, ao que animou a mirar máis aló á hora de presentarse a convocatorias para a obtención de fondos.
Pola súa banda, na que xornada comezou co relatorio Economía y salud a cargo da catedrática da Universidad de Las Palmas, Beatriz González López- Valcárcel, integrante do comité que realizou a avaliación das solicitudes de vinculación do persoal que quixo unirse ao centro e que formará parte do comité asesor externo de Ecobas, o reitor da UDC, Julio Abalde, destacou “a unidade, a forza e a cooperación” como as palabras que considera representan o que Ecobas significa. Mentres,  o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo, amosou o total apoio da súa universidade ao centro á hora de procurar sinerxías e poñerse ao servizo da sociedade.

Un pouco de historia e un balance moi positivo 

Ecobas fraguouse en 2015 como unha agrupación dos grupos de investigación nas áreas de economía e empresa que tiñan financiamento como grupos de referencia competitiva do SUG. Pasados cinco anos, a Xunta acordou que este tipo de agrupacións, ou ben, tiñan que desaparecer, ou ben, debían formar institutos ou centros de investigación e Ecobas optou por iniciar os trámites para transformarse en centro interuniversitario, cunha relación de investigadoras e investigadores de prestixio, comprometidos co proxecto, que na normativa son coñecidos como “garantes”. Logo de aprobarse, por parte do consello de reitores das tres universidades do SUG a formación do centro, procedeuse á incorporación de preto de 90 investigadoras e investigadores, avaliados positivamente por un comité externo ao SUG. “Ecobas conta co recoñecemento das tres universidades galegas, estando adscrito á Universidade de Vigo, e xa operamos coma centro de investigación. Non obstante, agora quedan dúas cuestións importantes no curto e medio prazo: por unha parte, a obtención do recoñecemento e a acreditación do centro por parte da Xunta de Galicia, que solicitaremos neste mes de xullo; e por outra, unha vez obteñamos esa acreditación, a solicitude dunha axuda de financiamento na convocatoria que publique a Xunta de Galicia, que esperamos que teña lugar o vindeiro ano 2023”, sinala o director de Ecobas, o catedrático do Departamento de Matemáticas da UVigo, Carlos Hervés Beloso. 

Para o director do centro, o balance destes sete anos de traxectoria é moi positivo, xa que, foron de quen de compaxinar a transformación da agrupación en centro de investigación coa actividade propia de Ecobas,”os ciclos de seminarios de investigación, que organizamos todas as semanas; o de seminarios-conferencias de transferencia do coñecemento, que chamamos Libra de Oficio, no que teñen participado importantes entidades galegas coma a editorial Galaxia ou a compañía enerxética Xenera; a participación en convocatorias de captación de talento; o apoio ao desenvolvemento dos programas de mestrado e de doutoramento; e moitas outras actividades que desenvolvemos cada día para posicionar a Ecobas como o que ten que ser, un referente académico no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social”. 

Axenda científica e plan estratéxico do centro

49 investigadoras e investigadores permanentes da UVigo; 21 da USC e 14 da UDC, dos que o 45% son mulleres; ademais de 40 membros non permanentes, entre persoal investigador pre e posdoutoral e persoal de xestión, integran o centro Ecobas, que avoga pola interdisciplinariedade , de xeito que, aínda que a maior parte do persoal pertence aos ámbitos da economía e a empresa, tamén conta con expertos con bagaxe noutras disciplinas como a socioloxía, psicoloxía ambiental ou dereito. 

“O eixo central de traballo do centro é a sustentabilidade, entendida nun sentido amplo, é dicir, non só dende o punto de vista económico senón tamén o ambiental e o social. Eses son os tres piares sobre os que se desenvolve a Axenda Científica, que conta con 12 prioridades específicas coma as finanzas sostibles, a economía pública e rexional, a economía da saúde, a equidade, inclusión social e benestar, a transición enerxética e descarbonización ou a economía circular”, detalla a directora científica de Ecobas e catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC, María Loureiro, que ademais destaca que o centro ten prioridades transversais como a teoría económica e métodos cuantitativos; a teoría social, capital social e innovación social; e a investigación responsable e ciencia cidadá. Así mesmo, a axenda está aliñada coas principais axendas rexionais, nacionais e internacionais e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030 e a estratexia galega RIS3. 

Pola súa banda, o Plan Estratéxico do centro está deseñado para acadar cinco obxectivos principais: exercer un liderado científico no estudo da sustentabilidade, captar e potenciar o talento investigador, fomentar e potenciar unha formación de calidade e a súa internacionalización, promover unha maior visibilidade e recoñecemento internacional, e acadar un maior impacto e proxección económica e social. “Con estes obxectivos en mente tense deseñado un plan organizado ao redor de oito eixos de acción, seis deles específicos e dous transversais: Ecobas Research, Ecobas Training, Ecobas Talent, Ecobas Society, Ecobas International, Ecobas Open Science & RRI, Ecobas Communication e Ecobas Management” enumera Carlos Hervés.

Mirando cara o futuro 

En canto aos principais retos que enfronta Ecobas, unha vez constituído como centro, o máis inmediato é acadar o recoñecemento por parte do SUG, “que estamos convencidos e convencidas de que superaremos con éxito. Logo diso, estaremos máis preto de acadar un financiamento estrutural e estable que nos permita poñer en marcha máis e mellores accións, xa que na actualidade os orzamentos dos que dispoñemos son limitados”, afirman Loureiro e Hervés. 

A partir de aí, o directores de Ecobas fixan o principal desafío en ir acadando os seus obxectivos “posicionarnos, tanto a nivel rexional e nacional pero tamén internacional; seguir atraendo talento e captando persoal investigador de excelencia; mellorar os programas formativos de prosgrao nos que participamos; e incrementar a nosa relación coa contorna, converternos nun axente social máis e nunha referencia para as entidades do entorno á que recorran para resolver as súas necesidades no eido da sustentabilidade”, explican.