DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A empresa que inaugurará en breve instalacións en Santa Uxía de Ribeira, pertence ao grupo Bergé

Ecofloat Galicia desenvolve co traballo de titulados da Universidade de Vigo un sistema pioneiro para o control de calidade das augas

Universidade e Ecofloat asinaron un convenio e unha cátedra

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/02/2008
Tras once anos traballando na sensorización, o grupo Bergé creou Ecofloat Galicia, unha empresa de I+D+i que en próximos meses inaugurará novas instalacións en Santa Uxía de Ribeira nas que se prevé traballen ata 30 persoas, na súa maior parte titulados da Universidade de Vigo procedentes das escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación.
A día de hoxe, nas súas dispersas instalacións de Pobra do Caramiñal, Ecofloat Galicia emprega xa once titulados superiores da Universidade de Vigo na que, como afirma Juan Antonio Cruz, director xeral da empresa “tras contactar con outras institucións académicas, atopamos as maiores garantías”.
Froito deste vínculo e co fin de reforzalo, o reitor da Universidade de Vigo, Albergo Gago e o presidente do grupo Bergé, Jaime Gorbeña, asinaron dous convenios, un de colaboración e outro para a creación da Cátedra Ecofloat Galicia. Mentres o primeiro ten como finalidade a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a cátedra centrarase no desenvolvemento dun programa de investigación, así como a mellora dos medios e a potenciación da relación de Ecofloat Galicia cos alumnos das escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Alumnos que o reitor, Alberto Gago, incidiu, “Ecofloat está contratando, de aí a importancia desta cátedra que ofrecerá permanencia e certeza nese contacto. Ter un marco estable de colaboración con este grupo para nós é interesantísimo e non só para alumnos de Enxeñaría e Telecomunicación, se non tamén para os relacionados coas ciencias e tecnoloxía mariñas”.

Sistema pioneiro no control de calidade das augas en tempo real

Con quince boias instaladas de xeito experimental na ría de Arousa, Ecofloat Galicia está á espera de lograr a homologación dun sistema de control de calidade das augas que ofrece resultados en tempo real.
Segundo explicou Juan Antonio Cruz “só nós estudiamos a microbioloxía en contínuo da calidade das augas en tempo real, o que obriga á instalación dunhas boias, con laboratorios no seu interior e un sistema de comunicación que emite un sinal a unha terminal en terra co resultado da análise realizada”.
“Ecofloat é unha empresa de I+D+i”, asegurou o presidente do grupo de Bergé, Jaime Gorbeña “polo que vimos a necesidade de contar coa colaboración da Universidade de Vigo para desenvolver xuntos sobre todo os programas do sensor, así como outras cousas”.

Vocación de continuidade

Precisamente á vocación de continuidade desta colaboración entre a Universidade de Vigo e Ecofloat, referiuse Jaime Gorbeña ao asegura que “ Ecofloat é unha unidade de negocio concreta, pero ao seu redor queremos montar un holding a redor do medio mariño. É excitante non só pola empresa e o produto, se non por que de aquí poden saír outras cousas con proxección nacional e mundial”.
No mesmo sentido o reitor da Universidade de Vigo, Albergo Gago, apuntou a posibilidade de abrir unha nova vía de colaboración en temas de seguridade, que ademais, apuntou, “hai moitas empresas interesadas, cada unha no seu ámbito”.

Máis dun século de actividade empresarial

Integrado por máis de 150 empresas, o grupo Bergé factura uns 3000 millóns de euros e emprega unhas 1300 persoas nos seus principais negocios: venda e importación de automóbiles, enerxía solar e transporte marítmo. Actividades ás que suma, como asegura o seu presidente Jaime Gorbeña “a aposta por crear empresas en torno ao control das augas e a súa monitorización. Interésanos o medio ambiente mariño e o desenvolvemento sostible das costas”.
Fundado en 1870, o grupo Bergé naceu como consignataria de buques e estibadores, iniciando un século despois unha importante diversificación na súa actividade coa entrada no mercado da venda de vehículos e a loxística. Actualmente é o maior importador privado de automóbiles do mercado español e latinoamericano con marcas como Kia, Hyundai, Rolls-Royce, Lexus, Fiat o Cadillac.