DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permanece aberto o prazo de inscrición en catro actividades dirixidas a toda a cidadanía

Economía circular, arte sostible e arqueoloxía centran os novos cursos de verán do campus

Un seminario de comunicación empresarial completa a oferta de Extensión Universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Pontevedra 26/04/2023

Os procesos de innovación na economía circular, a arqueoloxía da arquitectura e o uso dos procedementos téxtiles tradicionais na creación artística centran os tres novos cursos de Extensión Universitaria promovidos a pola Vicerreitoría do campus para os próximos meses. Abertos a toda a cidadanía, desde esta semana permanece aberta a inscrición nesta programación, que se completa cunha nova edición dun seminario que analiza diferentes estratexias márketing e comunicación empresarial a través das experiencias dunha serie de profesionais. “Trátase dunha programación formativa aberta a toda a cidadanía, que ademais de complementar a formación do estudantado de diferentes titulacións, contribúe a achegar a Universidade á sociedade”, sinala a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, respecto dunha serie de actividades que buscan tamén "levar á formación máis aló do curso académico”. De feito, os antigamente coñecidos como cursos de verán esténdese neste 2023 no campus pontevedrés de maio ata outubro, con catro seminarios que ofertan no seu conxunto un total de 100 prazas. 

Nesta programación insírense, por unha banda, tres cursos de 30 horas, con taxas de matrícula  queoscilan entre os 25 e os 50 euros, ás que se aplica un desconto do 35% ou do 20% para os diferentes colectivos vinculados á UVigo. Nestes tres casos, a inscrición permanecerá aberta ata que se cubran as prazas ou ata 15 días naturais antes da data de inicio. Por outra banda, esta oferta formativa complétase cun curso de 60 horas sobre economía circular, no que a inscrición pechará  o 10 de maio e que terá un prezo de matrícula de 100 euros, tamén con diferentes descontos para os colectivos vinculados á Universidade.

Innovación para a transformación social

Dirixido a explorar os fenómenos de innovación, tanto tecnolóxica como política ou social, que poden facer da economía circular un espazo de transformación que contribúa á loita contra a crise climática, o único curso de 60 horas botará a andar o 16 de maio na Casa das Campás. Dirixido polo investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez, Innovación na economía circular estenderase ata o 15 de xuño e contará coa participación de diferentes integrantes deste grupo de investigación. Combinando sesións teóricas e traballo práctico, entre os obxectivos deste curso figura tanto a adquisición dos coñecementos básicos para investigar ou traballar no campo da economía circular dende a perspectiva da innovación, como aprender a desenvolver propostas para a súa aplicación e coñecer iniciativas e casos de éxito neste ámbito.

Creacións que nacen da reciclaxe e a reutilización

A programación de Extensión Universitaria continúa en xuño con Repensar, recuperar, reciclar e reutilizar. Derivado do pensamento contemporáneo, un taller de iniciación teórica e práctica en estratexias téxtiles sostibles, que se desenvolverá entre o 9 e o 30 de xuño na sede da Fundación RAC. Dirixido polo profesor da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo, entre os obxectivos deste curso figura nese senso a recuperación de procedementos téxtiles tradicionais, tratados baixo unha mirada actual, así como a análise da influencia que poden ter estes procedementos na práctica artística contemporánea. Coa participación como docentes de Carlota Rosón, Elena Fernández Prada e Miriam Cartagena, o curso explorará así mesmo a posibilidade de converter diferentes tipos de refugallo na materia prima para novos proxectos artísticos. 

Arqueoloxía en Santa Clara

O Convento de Santa Clara será en setembro, entre os días 25 e 29, tanto o escenario como o obxecto de análise doutro destes cursos, O estudo interdisciplinar das construcións históricas. Arqueoloxía da arquitectura, historia da arte e documentación histórica. Dirixido polo profesor do Departamento de Arte, Historia e Xeografía Victoriano Nodar, este seminario busca afondar na análise das construcións históricas con ferramentas arqueolóxicas, así como formar aos e ás asistentes no rexistro e documentación do patrimonio construído. Promovido coa colaboración da Deputación de Pontevedra e coa participación de expertos e expertas de diferentes universidades, o curso buscará achegar o alumnado ao conxunto de metodoloxías e disciplinas “necesarias para entender a evolución dos edificios históricos”, como recolle a súa memoria, á vez que poñelas en práctica no propio convento. 

Comunicación empresarial

A estas novas propostas sumarase, entre o 9 e o 25 de outubro, unha nova edición do curso Comunicación empresarial na práctica. 10 casos de éxito en Galicia relatados polos seus protagonistas. Dirixido pola catedrática Aurora García e coordinado polo consultor de márteking Miguel Ángel Souto, o obxectivo deste taller é que o alumnado poida coñecer as últimas tendencias en comunicación corporativa, empresarial e institucional. Farao a través dunha serie de exemplos de accións de comunicación publicitaria, relacións públicas ou organización eventos, que serán narradas polos profesionais que se encargaron de xestionalas. Neste caso, trátase dun curso que combina a modalidade presencial co seguimento virtual a través de Campus Remoto e que incorpora como novidade a colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia.