DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o informe de Conxuntura socioeconómica II/2021 do Foro Económico de Galicia

A economía galega responde mellor que a do conxunto de España ás consecuencias da covid-19

Galicia contrae a súa actividade económica nun 2,9%, mentres España cae un 4,3%

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 30/06/2021

A saúde da economía galega no primeiro trimestre deste ano sufriu o impacto dos rebrotes da pandemia da covid-19 que tiveron lugar despois das vacacións do Nadal e, en menor medida, do impacto da tormenta Filomena. Con todo, a contracción da economía de Galicia deste primeiro trimestre é dun -2,9% con respecto ao ano anterior, un dato que segue sendo de menor intensidade que no conxunto do Estado (-4,3%) pero por riba da media da Unión Europea, que só baixa un -1,8%. Así se recolle no informe de Conxuntura socioeconómica II/2021 do Foro Económico de Galicia, elaborado polos profesores da UVigo Patricio Sánchez e Santiago Lago, xunto co economista José Francisco Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe.

Os expertos sosteñen que o mellor comportamento da economía galega con respecto á do Estado explícase pola baixada da demanda interna (-3,1 puntos) e unha lixeira suba da externa (0,2 puntos). Pola contra o gasto en consumo das administracións públicas presenta unha medra interanual do 3,3%. No conxunto dos grandes sectores produtivos, Galicia tamén presenta un mellor comportamento que o do conxunto de España, agás o sector primario (-3,1% fronte ao crecemento do 3,7% en España). A construcción é o sector que rexistra a maior caída interanual, tanto en Galicia como en España. 

Galicia, a segunda comunidade autónoma coas taxas máis baixas de poboación activa

O informe, que foi presentado este mércores en Santiago de Compostela, destaca que a contracción económica trasládase ao mercado laboral, que segue presentando unha destrución de emprego de menor intensidade que a caída do PIB.  A 31 de marzo un total de 34.759 persoas estaban acollidas a un ERTE, un 4,7% do total estatal, mentres que o número de empresas afectadas é de 12.378, un 6,9% do total.
Os autores salientan que, á diferenza co acontecido nos trimestres anteriores, o axuste no emprego foi máis intenso entre homes que entre as mulleres. Asemade, a poboación ocupada redúcese no conxunto dos traballadores, tanto por conta propia como allea, sendo o sector público o único que incrementa a contratación. Así, Galicia sitúase como a segunda Comunidade Autónoma coas taxas máis baixas de poboación activa, un 52%, fronte a Asturias cun 50,6% e un 57,7% no conxunto do Estado.

China na economía global

Neste último informe de conxuntura tamén se inclúe un apartado específico dedicado ao papel de China na economía mundial, que antes ou despois afectará a economía europea e, polo tanto, á galega. Remarcan que China aspira a ser un relevante actor mundial sendo a súa aposta máis salientable a Nova Ruta da Seda (denominada One Belt, One Road -OBOR). Esta iniciativa recorda a Ruta da Seda, evocando os intercambios comerciais cando a civilización chinesa estaba no cénit da súa potencia e riqueza. A aposta actual consiste na construción de grandes infraestruturas que permitan inserir e conectar China co resto del mundo xunto cos denodados esforzos da burocracia chinesa para desenvolver unha nova orde internacional, incorporando a novos países baixo o liderado do goberno chinés.  En definitiva, a través da Nova Ruta de Seda, China desexa conformar un proxecto de integración económica e militar de alcance mega-rexional, transcontinental,  que fomente a procura dunha transformación xeopolítica do sistema internacional.