DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFT acolle desde hoxe unha mostra sobre os republicanos deportados a campos nazis

Ecos do horror galego en Mauthausen resoan no campus vigués

A iniciativa do grupo de Tradución e Paratradución completarase cun relatorio sobre Joaquín Balboa

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/04/2017

Uns 200 galegos sufriron en primeira persoa os horrores dos campos de concentración e exterminio nazis. Pouco máis de 60 sobreviviron. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, veciños das comarcas de Monterrei e Carballiño, respectivamente,, foron dous deses 60 homes que saíron con vida das fábricas de morte de Mauthausen e Buchenwald, respectivamente. A través das fotografías e textos que compoñen os 14 paneis de cartón pluma nos que se aborda a historia dos republicanos españois obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil e posteriormente deportados a campos de concentración nazis, a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio está a render homenaxe desde hai un ano a Joaquín e Antonio cunha exposición que desde hoxe se pode visitar no hall do pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución, á que chega da man dos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. “A decisión de traermos esta exposición á Facultade responde a dúas accións: investigación e transferencia de coñecemento á sociedade, neste caso á comunidade universitaria, á sociedade civil e ao alumnado de secundaria. E coa investigación pretendemos recuperarnos a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da nosa liña de investigación Memoria, Mestizaxe e Migración, colocando o foco nesas persoas anónimas, con nomes e apelidos, que pasaron desapercibidos polos historiadores”, explican Ferreiro e Garrido, que lembran ademais que o 5 de maio se conmemora a liberación do campo de Mauthausen.

A exposición Galegos en Mauthausen, que se poderá visitar ata o 8 de maio, complétase cun relatorio que o profesor de historia e xeografía Eladio Anxo Fernández ofrecerá o vindeiro xoves 27 de abril ás 11:30 horas no salón de actos da Facultade. No seu relatorio, Fernández centrarase na figura de Joaquín Balboa, en cuxa recuperación leva anos a traballar “de maneira exemplar e con moito rigor científico, patente en cada un dos datos ofrecidos nos paneis da exposición”, sinalan os investigadores.

Os prisioneiros 3833 e 40.623

Nado en Estrevesiños no ano 1908, Joaquín Balboa ingresou no campo de Mauthausen en abril de 1941. A súa pertenza ás brigadas mixtas de carabineiros do exercito republicano e o seu posterior exilio en Francia, antecederon a súa detención por parte do exército alemán, que tras ingresalo en varios stalags, levouno a Mauthausen en 1941, onde permaneceu dous anos ata o seu traslado ao subcampo de St. Lambrechet. En Mauthausen, Balboa converteuse no prisioneiro 3833 co distintivo dun triángulo azul dos apátridas e co S de Spanier. Ata a liberación do campo de St. Lambrechet en 1945, Joaquín Balboa foi obrigado primeiro a traballar nunha canteira, para posteriormente exercer a súa profesión de barbeiro. Non sería ata 1975 cando o veciño de Entrevesiños regresa a súa terra, onde falece en 1994.

Pola súa banda, Antonio Pérez naceu en Albarellos de Boborás en 1904. Emigrado a Francia na década de 1920, Pérez foi detido en 1943 pola súa pertenza á Resistencia e tras ser encarcerado en varias prisións, foi ingresado no campo de Compiegne. Un ano máis tarde é trasladado ao campo de Buchenwald onde se converte no preso 40.623 e onde permanece ata un ano máis tarde cando o campo é liberado. Regresa a Bayonne, onde morre en 1986.

Balboa e Pérez lograron salvar as súas vidas, algo que non ocorreu no caso de máis dun cento de galegos que morreron nos campos de concentración nazis. “No caso dos homes contamos cun listado de 107 galegos mortos nos campos de concentración e de exterminio, segundo consta nun artigo asinado por Lois Vázquez e publicado pola revista Grial en 1982. No que respecta ás mulleres, que nós coñezamos, non existe unha listaxe semellante, pero cómpre destacar á galega e catalá Mercedes Núñez Targa que foi prisioneira de Franco no cárcere de Ventas e de Hitler en Ravensbrück”, lembran Garrido e Ferreiro. Núñez sobreviviu aos campos de exterminio e pasou os derradeiros anos da súa vida en Vigo, onde ofreceu en centros de Secundario o testemuño, do que tamén deixou constancia no libro Cárcel de Ventas e Destinada al crematorio. De Argelès a Ravensbrück: las vivencias de una resistente republicana española.

Unha mostra para espertar conciencias

Tralo seu paso durante o último ano por varios centros educativos de Primaria e Secundaria galegos, a exposición Galegos en Mauthausen chega á Universidade de Vigo co obxectivo de que “o estudantado, profesorado, PAS ou sociedade civil poda visualizar unhas instantáneas ou retratos non tan coñecidos. Por desgraza tamén houbo vítimas galegas nos campos nazis, unha realidade que de seguro chocará e espertará as consciencias do público asistente á mostra fotográfica”, explican os organizadores, para os que a fotografía, como oitava arte, ten un impacto emocional diferente ao que pode ter a mesma imaxe descrita nun artigo científico.