DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas actividades poñen de relevo o papel do espazo e a contorna natural no ensino

Dos ecosistemas de aprendizaxe á aprendizaxe cos ecosistemas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/10/2022

De pór en relevo a necesidade de que o ensino das ciencias teña en conta os seres vivos como parte dun ecosistema a incidir na importancia dos espazos como elemento educativo e na necesidade de xerar “ecosistemas de aprendizaxe” que impliquen a todos os axentes e elementos implicados neste proceso. Estes eran os obxectivos centrais de dúas actividades promovidas este luns pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; un obradoiro sobre como facer uso da contorna natural para o ensino das ciencias e unha conferencia da arquitecta e educadora Mar Penela sobre como os espazos poden condicionar os procesos de aprendizaxe e como implicar a docentes e estudantes na súa transformación.

Levar a ciencia fóra das aulas

Inserido no proxecto de innovación educativa da facultade Experiencias interdisciplinares no marco da Axenda 2030: recursos para achegar ao profesorado en formación os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, nas xornadas de luns e martes desenvólvese o obradoiro O coñecemento da contorna como recurso para unha ensinanza das ciencias de carácter interdisciplinar, que leva a un grupo de estudantes do Grao en Educación Primaria a explorar as posibilidades didácticas dos espazos naturais próximos, como neste caso a illa do Covo. No marco dun proxecto que busca achegar aos futuros e futuras docentes ferramentas para traballar nas aula os ODS, a profesora Mercedes Varela desenvolve co alumnado da materia Didáctica das Ciencias Experimentais II, unha serie de iniciativas que buscan achegar unha “visión sistémica” dos seres vivos, entendidos como “seres que viven nunha contorna e se relacionan con esta”. 

Partindo desa idea, as alumnas e alumnos traballaron nas últimas semanas “coas árbores en relación coa súa contorna, tanto ambiental como sociocultural”, o que motiva un obradoiro dirixido a coñecer como as árbores “se relacionan na súa contorna” nas proximidades do propio campus, “nunha xunqueira que foi modificada artificialmente polo home”, como lembra Varela. Aberto ao público e impartido polo educador ambiental Marcelo Rodríguez, o obxectivo desta actividade é o de coñecer os “principios metabólicos e as funcións de supervivencia ou pigmentación” das árbores “e os ecosistemas das que forman parte”, nun percorrido pola contorna do campus.

Transformar o espazo xunto a quen o habita

De xeito paralelo, a idea do ecosistema era abordada tamén este luns na facultade nunha conferencia de Mar Penela, promovida pola Área de Didáctica da Expresión Plástica e dirixida a pór de relevo “como nos afecta a configuración espacial e a convivencia co que habitamos e como esta é por si mesma unha aprendizaxe”, como salientou na súa presentación a profesora Begoña Paz. Nese senso, tras pór de relevo como a propia disposición da aula na que tiña lugar a actividade conducía á idea “de que a aprendizaxe é que nos conten algo”, Penela puxo de relevo que “o espazo, quéiralo ou non, comunica”, e polo tanto pode converterse nunha ferramenta didáctica. “Hai moitos tipos de aprendizaxes que non se poden dar se non transformarmos o espazo”, lembrou a arquitecta e educadora que, nunha conferencia dirixida a alumnado do Grao en Educación Infantil, lembrou a importancia que terá no seu labor profesional “a sensibilidade e a empatía cara nenos e nenas” e como, dentro desta, "como preparedes os seus hábitats é algo moi importante”. 

Con ese punto de partida, a responsable de Trees Ecosistemas buscou presentar diferentes exemplos de como eses espazos poden ser transformados partindo da idea dos “ecosistemas de aprendizaxe”, que teñen en conta os diferentes elementos e axentes presentes nun proceso de aprendizaxe. Esta idea implica á súa vez, lembrou, a consideración de “nenos e nenas como persoas de pleno dereito” e que polo tanto deben ser tidas en conta á hora de levar a cabo “procesos de transformación” en espazos como os centros educativos. Neste punto, Penelas incidiu non só en que as "solucións" ideadas sen ter en conta un contexto non só "son menos efectivas", senón tamén o "empoderamento" que supon para nenos e nenas ser partícipes da transformación dos seus propios espazos de aprendizaxe.