Segundo as conclusións dun proxecto do CIM financiado pola Deputación de Pontevedra
A EDAR de Moaña retén máis do 90% dos microplásticos antes da súa chegada á ría de Vigo
Estima que unha pequena fracción destes contaminantes consegue alcanzar o mar
A depuradora de Moaña consegue impedir que máis do 90% dos microplásticos presentes nas augas residuais cheguen á ría de Vigo. Esta é a principal conclusión do proxecto Clear-Edar, liderado polo investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Víctor Hernando, quen tamén estima que arredor de dúas toneladas anuais destes contaminantes acaban chegando ao medio mariño a través do efluente tratado, o que evidencia que as depuradoras son unha barreira fundamental, pero insuficiente por si soas para eliminar este tipo de contaminación emerxente.
O estudo confirma así o papel da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Moaña como unha infraestrutura esencial para a protección da ría de Vigo, un espazo de elevado valor ecolóxico, pesqueiro e socioeconómico. Cunha eficiencia global de retención superior ao 90%, a planta sitúase en valores comparables aos descritos na literatura científica internacional.
No desenvolvemento do proxecto colaborou persoal do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), encargado da caracterización espectroscópica das mostras, ademais dos grupos ETEA e CIES da Universidade de Vigo.
Unha radiografía do percorrido dos plásticos na depuradora
Co obxectivo de coñecer o destino dos plásticos ao longo do proceso de depuración, o equipo científico analizou catro puntos da instalación: o afluente de entrada, o desbaste, os lodos xerados durante o tratamento biolóxico e o efluente final.
A análise do desbaste, a fracción sólida retida na entrada da planta, revelou unha presenza dominante de téxtiles sanitarios, principalmente toalliñas húmidas, que representan arredor do 70% da masa total seca. Esta porcentaxe mantívose practicamente constante nas campañas realizadas tanto no verán coma no inverno, o que identifica este tipo de residuos como o principal problema estrutural do saneamento urbano.
O estudo tamén constatou unha marcada variabilidade estacional. Durante o verán detectouse un maior número de fragmentos lixeiros, asociados previsiblemente ao incremento da presión turística, mentres que no inverno apareceron residuos de maior tamaño, relacionados co arrastre provocado polos episodios de precipitación intensa.
A relevancia dos residuos que chegan á ría segue sendo significativa
Os datos integrados no proxecto indican que á EDAR de Moaña poderían chegar cada ano ata 47 toneladas de microplásticos. A maior parte desa carga queda retida ao longo do proceso de tratamento, especialmente nos lodos —onde se concentran aproximadamente 11,5 toneladas anuais— e tamén no desbaste. Só unha pequena fracción consegue atravesar o sistema e é vertida á ría, aínda que a súa relevancia ambiental continúa sendo significativa.
Nas augas de entrada rexistráronse concentracións medias de arredor de 1180 partículas por litro, dominadas por fragmentos e fibras de polímeros de uso cotián como o polietileno (PE), o polietileno de baixa densidade (LDPE) e o polietileno tereftalato (PET). Unha vez completado o tratamento, esa concentración redúcese ata unhas 91 partículas por litro, o que confirma a elevada capacidade de retención da instalación.
Novos protocolos e oportunidades para a economía circular
Ademais de avaliar a eficiencia da depuradora, o proxecto contribuíu ao perfeccionamento de protocolos para a dixestión e separación de microplásticos en matrices complexas, como lodos e augas residuais. Estes avances proporcionan unha base metodolóxica sólida para futuras investigacións, nun contexto no que a nova Directiva Europea de Augas Residuais Urbanas (DARU 2024/3019) establece a necesidade de avanzar cara a sistemas harmonizados de control destes contaminantes.
No ámbito da valorización de residuos, os ensaios de vermicompostaxe demostraron que a fracción orgánica do desbaste pode biodegradarse, permanecendo unicamente os materiais non degradables. Este resultado abre a porta á incorporación de novas estratexias de economía circular na xestión das estacións depuradoras.
Da investigación á concienciación social
O proxecto incorporou tamén unha importante dimensión divulgativa e educativa, con actividades dirixidas á cidadanía para explicar o percorrido dos microplásticos "do inodoro ao mar" e promover cambios de comportamento no uso e eliminación de produtos de hixiene e plásticos de uso cotián.
As conclusións de Clear-Edar poñen de manifesto que a loita contra a contaminación plástica require unha combinación de infraestruturas eficaces, melloras tecnolóxicas, prevención na orixe e unha maior concienciación social. O estudo constitúe unha das primeiras avaliacións integrais dos microplásticos nunha estación depuradora de pequena escala en Galicia e proporciona información estratéxica para orientar a toma de decisións en materia de saneamento e protección das rías, coa vocación de ampliar esta liña de investigación a outras infraestruturas da provincia.
