DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só no caso dos cursos máis prácticos manteranse un mínimo de sesións presenciais 

e_Destrezas ofrecerá na súa segunda edición unha programación única a través de Campus Remoto

Hoxe ábrese a inscrición nos primeiros cursos que comezarán a impartirse en outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 16/09/2020

A comunidade universitaria da UVigo poderá seguir desenvolvendo e mellorando as súas competencias dixitais por segundo ano consecutivo co programa de formación e_Destrezas, promovido pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e o Consello Social da Universidade de Vigo e o Santander. Despois que a covid-19 impedise que o curso pasado se puidese impartir parte do programa previsto, na súa segunda edición, que arrancará a comezos de outubro, e_Destrezas desenvolverase maioritariamente en liña, a través de Campus Remoto, quedando as sesións presencias restrinxidas unicamente aos cursos máis prácticos. “Para esta edición, en base á experiencia do primeiro ano, vanse duplicar as edicións (unha por cuadrimestre) dos cursos que tiveron máis éxito (como Office, Excel ou Matlab), manter aqueles que tiveron boa acollida e eliminar os que non tiveron a resposta esperada e que foron substituídos por outras propostas que xurdiron ao longo do curso pasado”, explica Nacho Armesto, director da Área de Extensión Universitaria, que tamén confirma que algúns dos cursos que non se chegaron a facer por mor da covid no último cuadrimestre, recuperaranse nesta segunda edición do programa.

Da decena de cursos ofertados para este cuadrimestre, o PDI, o PAS e o estudantado da UVigo interesado xa pode inscribirse desde hoxe en catro deles, abríndose a matrícula aos restantes de xeito progresivo. “Os cursos publícanse en Campus Activo e, unha vez aberto o período de inscrición de cada un, asignaranse as prazas por rigorosa orde temporal de solicitude na plataforma ata esgotar o total de prazas ofertadas”, explica Armesto, que lembra que en practicamente todos os cursos é de 30, “co obxectivo de manter unha calidade de atención ás persoas asistentes similar á dos cursos presenciais da anterior edición”.

Unha decena de cursos programados para o primeiro cuadrimestre

e_Destrezas iniciará a súa segunda edición o vindeiro 1 de outubro co curso de Fundamentos de deseño gráfico con Illlustrator e Photoshop, que se prolongará ata o vindeiro 19 de novembro. Cunha programación neste primeiro cuadrimestre formada por cursos que xa se impartiron na primeira edición e outros que, aínda que estaban previstos non se puideron ofrecer por mor da covid, o programa inclúe dúas propostas totalmente novidosas como son Iniciación ás bases de datos con Access e Introdución a Raspberry Pi: de centro multimedia a domótica persoal. En total son dez os cursos programados para os vindeiros meses, nos que a formación se desenvolverá de xeito presencial a través do Campus Remoto e tamén, no caso dalgún deles, con horas de formación non presenciais. “Dada a situación na que nos atopamos, nesta segunda edición de e_Destrezas preferimos non arriscar a cancelación de cursos pola covid e apostar pola docencia síncrona a través de Campus Remoto. Algúns cursos incorporan horas de traballo autónomo, asíncrono (tarefas que se fan fóra de tempo de clase), xestionado mediante as plataformas Faitic e Moovi”, detalla Armesto, que tamén explica que no caso dos cursos máis prácticos decidiuse manter un número mínimo de sesións presenciais, “pola súa natureza máis práctica/física e que se desenvolverán no campus de Vigo en salas aínda por determinar”.

Cara ao segundo cuadrimestre está previsto continuar coa oferta formativa con cursos que xa se impartiron na primeira edición do programa, así como outros novos, centrados en cuestións como a edición de vídeo e son dixital para web, Python ou deseño CAD con Autocad.