DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación acolleu a presentación desta publicación co gallo do seu centenario

Unha edición facsimilar reivindica a actualidade do plan pedagóxico para a galeguización das escolas de Vicente Risco

Na súa elaboración participou a profesora do centro Isabel Mociño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 07/11/2022

En marzo deste ano, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizou as xornadas O AVE pedagóxico: 100 anos que chegou a Ourense. Nelas, o alumnado do centro achegouse a dous fitos que hai cen anos marcaron unha “revolución pedagóxica”: o Plan pedagóxico para a galeguización das escolas de Vicente Risco, que tiña como obxectivo crear unha guía docente que permitise galeguizar e modernizar o modelo escolar de principios do século XX, e a Ligue Internationale pour L'Éducation Nouvelle. Froito daquelas xornadas, a Fundación Vicente Risco decidiu, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, editar unha edición facsimilar dese plan pedagóxico, publicación que foi  presentada este luns no campus de Ourense.

A edición conmemorativa inclúe os textos publicados en 1921 nos números 6 e 7 da revista Nós, fundada entre outros por Vicente Risco apenas un ano antes, e a versión posterior do plan pedagóxico publicada en 1934 polo ourensán no ideario A Nosa Terra, así como a súa transcrición ao galego actual, realizada pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social Isabel Mociño. A publicación complétase cun estudo introdutorio a cargo de Xosé Fernández, inspector de educación que ten realizado a súa tese de doutoramento sobre a pedagoxía de Vicente Risco. “Fixemos unha actualización lingüística do documento sobre todo para aproximalo aos futuros docentes, para que non vexan nese texto dos anos 20 do pasado século unha distancia temporal a nivel de compresión da lingua”, sinalou Isabel Mociño.

Cen anos despois

Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco, lembrou que este plan “foi un encargo que se lle fixo a Risco na asemblea das Irmandades da Fala que se celebrou en Vigo en 1921 e foi aprobado na asemblea de Monforte en 1922”. A pesar de que xa pasaron cen anos, dixo na súa intervención, “moitas das cousas que están nel para nada se teñen conseguido, polo que nos pareceu acaído facer esta publicación especial, para dala a coñecer ao público xeral e nomeadamente ao alumnado que se está formando nas facultades de Ciencias Educación, que en breve terá a responsabilidade de formar ás xeracións presentes e futuro”.

Na presentación da obra, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou a oportunidade desta edición co gallo do centenario deste plan pedagóxico que, indicou, pertence a unha xeración “que foi unha adiantada aos seus tempos, reivindicando que o normal era que na escola se falase o idioma que se falaba fóra dela, o galego”. Nesta edición facsimilar, engadiu Isabel Mociño, “o que queriamos fundamentalmente era pór en valor unha publicación de hai cen anos pero que aínda ten moita actualidade, moitos dos obxectivos que marcaba ese plan están aínda sen cumprir”. A profesora da UVigo salientou igualmente como “dende unha lectura de hoxe e desde o contexto no que vivimos, reler o plan pedagóxico de Risco é cuestionarnos ata que punto o noso sistema educativo aínda adoece de moitísimos aspectos de conexión co contexto, en particular de conexión coa lingua, de conexión coa contorna”. De aplicarse hoxe no sistema educativo o plan pedagóxico de Risco, recalcou recollendo as palabras de Xosé Fernández na publicación, “sería revolucionario e é triste ter que dicilo cen anos despois”.

Por último, Xosé Fernández lembrou como neste plan, pioneiro no seu eido, “recóllense ideas de renovación e innovación daquela escola, trataba de adaptar unha escola que estaba traballando con metodoloxías tradicionais, desfasadas da realidade, a unha pedagoxía digamos que moderna, a como se estaba traballando xa a nivel europeo e noutras escolas adiantadas de América”. Tratábase, apuntou, de adaptar a escola ás características dos nenos, ás súas características psicolóxicas, pero tamén ás características sociolóxicas, á realidade do contexto de Galicia, onde entón primaba unha escola rural. O plan, indicou  o relator, contiña unha reivindicación da lingua galega nun momento no que só se ensinaba en castelán, “o que xeraba problemas de comunicación importantes”. Neste senso, recalcou que entón, como hoxe, “o patrimonio máis importante que ten un pobo é a súa lingua”.