DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estase a celebrar no Centro de Congresos da Exponor de Porto

A edición portuguesa da Finde.U reúne 150 empresas

Os días 23 e 24 deste mes celebrarase no Ifevi de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 17/10/2018

150 entidades, entre empresas, asociacións profesionais e organismos públicos, participan entre onte martes e hoxe na Finde.U, Feira Internacional de Emprego Universitario, que se está a celebrar en Porto. A esta edición portuguesa sucederá a vindeira semana próxima a de Vigo, os días 23 e 24, no Ifevi.

A feira está organizada polas universidades de Vigo, Porto, Católica Portuguesa – Porto e UTAD, co obxectivo de poñer en contacto ao alumnado co mundo laboral, ofrecendo un punto de intermediación profesional. Para isto, os estudantes e persoas tituladas poden achegarse aos responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da eurorrexión teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do estudantado formado na institución académica viguesa.  En total, na Finde.U lusa ofértanse 4000 oportunidades laborais, tanto nacionais como internacionais, así como diversas opcións formativas das universidades implicadas para completar o perfil académico do alumnado.

Na procura dun primeiro contacto co mundo laboral

A feira foi inaugurada onte martes polo reitor da Universidade do Porto, António de Sousa Pereira, e a vicerreitora de e Captación de Alumando, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, xunto con representantes do Centro Regional do Porto da Universidade Católica Portuguesa e institucións parceiras do evento. No recinto feiral os visitantes poden achegarse aos postos de empresas e institucións de diferentes sectores, como tecnoloxías de información e comunicación, enxeñaría, xestión, economía, márketing e a industria. Entre as compañías presentes están Continental, EDP, Segula, Sonae, Critical Software, Lactogal, Leroy Merlin, Fujitsu ou Deloitte. En total son preto de 150 expositores nos que o alumnado pode coñecer as ofertas de emprego, entregar currículos, inscribirse en bolsas de colaboración e formación e informarse sobre programas de investigación. Ademais, nesta edición participan por primeira vez unha decena de startups, como MyDidimo, Strongstep ou SWORD Health, relacionadas principalmente co eido das tecnoloxías. 

Na edición 2017, a Finde.U de Porto reuniu 100 empresas e contou coa participación de arredor de 3000 estudantes e persoas tituladas, polo que a organización agarda que esta nova cita sexa máis numerosa, xa que se conta con máis compañías e organismos participando.