DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Farase efectiva na reunión da Xunta de Goberno do Concello de Ourense deste xoves 

O edificio do Campus da Auga obterá esta semana a licencia de ocupación

Deste xeito, as instalacións estarán operativas para o inicio do curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 06/08/2019

O Concello de Ourense anunciou este martes o desbloqueo do proceso para a concesión de licenza urbanística de obra en vía de legalización para o edificio do Campus da Auga. Segundo anunciou este martes o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a concesión de licencia farase efectiva na reunión da Xunta de Goberno Local que terá lugar este xoves 8 de agosto. Deste xeito, o edificio, que albergará tanto laboratorios de investigación como espazos destinados a “usos docentes relacionados coa titulación de Enxeñaría Aeroespacial”, poderá estar “operativo a comezos de curso”, segundo salienta o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. 

O reitor amosou nese senso o seu agradecemento ao Concello “pola súa rapidez en todas estas xestións, que vannos permitir empezar o curso con absoluta normalidade”. Como lembrou o Concello, esta cuestión fora abordada por Pérez Jácome e os responsables da institución académica na xuntanza que mantiveron o pasado mes de xullo, na que Reigosa trasladou ao rexedor ourensán a necesidade de revolver unha situación derivada dun procedemento administrativo. Solucionadas “as eivas no relativo á documentación requirida polo Concello, axilizouse toda a tramitación”, informou nesta xornada a administración local. 

Un pulo ao campus ourensán

De máis de 3500 metros cadrados, o edificio do Campus da Auga, construído con financiamento da Xunta de Galicia, contará cunha serie de laboratorios que permitirán “dar moito pulo á investigación”, á vez que unha serie de espazos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que albergarán “equipamentos de alta calidade”, destinados tanto á investigación como a usos docentes. Nese senso, Reigosa sinalou como unha “noticia moi importante para o campus” a concesión da licencia que fai posible a posta en funcionamento dun edificio que permite “fortalecer o campus” e o seu proxecto de especialización. Trátase, sinalou o reitor, dun inmoble que por unha banda contribuirá a que haxa “grupos de investigación traballando xuntos, con posibilidades de colaboración entre eles” e que, por outra, constitúe “a peza que faltaba na titulación de Enxeñaría Aeroespacial, que tivo os seus atrancos durante a súa posta en marcha” e que coa posta en marcha destas instalacións “pode xa actuar con normalidade”. 

O edificio do Campus da Auga está composto por tres plantas destinadas a laboratorios, despachos e elementos comúns, así como por unha planta semisoto, segundo recolle o proxecto de legalización redactado polo arquitecto Marcos Domínguez de Diego, cun orzamento de execución material de 3,1 millóns de euros, informou o Concello.