DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do 112, Policía Local e Nacional, Bombeiros e Protección Civil

O Edificio de Ciencias Experimentais queda baleiro por un simulacro de incendio

O lume iniciouse no cuarto de gases do bloque D

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 24/10/2018

Pasados uns minutos das 10.30 h da mañá saltaba a alarma de lume no Edificio de Ciencias Experimentais. Nese momento púñase en marcha o Plan de Autoprotección deste centro, no que se atopan as facultades de Ciencias do Mar, Bioloxía e Química. O lume iniciárase no cuarto de gases do bloque D, na Facultade de Química, a onde acudiu de inmediato o xefe de Intervención para informar ao director da Emerxencia, que seguía o suceso dende o Centro de Comunicación e Control, que se situaba na Conserxería. 

Perén, ante a imposibilidade de extinguir o lume e tendo en conta o risco de explosión, o director da Emerxencia decidiu poñer en marcha a alarma novamente, indicando a orde de evacuación das tres facultades. Neste momento óptase por avisar aos medios externos, como son o servizo de emerxencias 112, o 061, os Bombeiros do Concello de Vigo, a Policía Local de Vigo, a Policía Nacional e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo. 

O persoal que forma parte dos equipos de Intervención, Alarma e Evacuación, equipados con chalecos de cor amarelo, xunto cos equipos de Primeiros Auxilios trataron de axudar na extinción do incendio, na evacuación do edificio e na atención aos feridos respectivamente. Mentres, a comunidade era evacuada e reunida nos puntos de encontro sinalizados en dous extremos do edificio, agardando pola chegada dos servizos de emerxencia, que finalmente conseguiron controlar a situación.

Balance positivo do exercicio 

O simulacro saldouse con tres feridos, dous deles en Química por queimaduras e asfixia e outro en Bioloxía pola torcedura dun nocello, e con bos resultados no referido a organización e tempos nun exercicio que prepara ao persoal e ao alumnado para afrontar unha posible incidencia no futuro. En xeral, os servizos de emerxencia fixeron unha boa valoración do simulacro, destacando a rapidez na evacuación e a organización dos equipos. Esta foi unha das partes máis críticas do exercicio ao tratarse dun centro con tres facultades, o que requiría unha comunicación e coordinación fluída entre equipos. Como explica Mª José Montero, técnica superior de Prevención de Riscos Laborais, “Bombeiros, 061 e Policía amosaron a súa satisfacción por terse atopado todo ben preparado cando chegaron” e fixeron fincapé na utilidade das portas coas que conta este edificio, que permiten illar zonas para evitar que se propague o lume. Podemos facer, como resume Montero, “unha boa valoración do desenvolvemento do simulacro” a pesares da complicación que supoña facela entres tres facultades á vez.