A mostra é a culminación dun curso de verán coordinado pola profesora Iria Vázquez
O edificio Redeiras amosa os resultados dun “laboratorio dos sentidos”
A exposición, que abrangue distintas disciplinas artísticas, pode visitarse ata o día 19
Ata o vindeiro 19 de xullo, o edificio Redeiras acolle unha exposición que amosa os procesos e resultados do Laboratorio dos Sentidos, un curso de verán coordinado pola profesora de Belas Artes Iria Vázquez. O obradoiro, que se desenvolveu entre o 24 de xuño e o 5 de xullo, culmina así cunha mostra na que se recollen os traballos realizados polo alumnado durante a súa formación, un conxunto de obras que parten da exploración de cada un dos cinco sentidos, abranguen distintas disciplinas artísticas (pintura, escultura, música, poesía, ...) e afondan na natureza sensorial do coñecemento e no carácter sinestésico da creación.
Ademais de Iria Vázquez, o curso contou con Macarena Montesinos e Marco Maril como docentes e o tres destacan a implicación do alumando, “que foi tal que os resultados pódense considerar excelentes, por dar mostra de ese facer fóra de todo xuízo, deixándose levar polo contacto co material, a intuición e o dialogo co espazo. Estamos seguras que van a sorprender a todo aquel que se achegue a desfrutar destes procesos, que mostran moito talento e sensibilidade artística”.
Como explican os docentes, o obxectivo deste obradoiro era afondar na natureza sensorial do coñecemento e no carácter sinestésico da creación, a través dun enfoque antropolóxico, contextual e participativo no que abordaron distintas propostas artísticas e obras que integran modos de sustentabilidade baseados no desenvolvemento e intensificación da nosa conciencia corporal, sensorial, intuitiva e medioambiental. O alumnado, un grupo heteroxéneo formado tanto por estudantes como por profesionais e persoas que se inician na práctica artística, exploraron a influencia e interacción entre as distintas artes e disciplinas, incluíndo pintura, escultura, música, poesía, danza... Buscouse así “conectar coa dimensión que ten cada un dos nosos sentidos no coñecemento da realidade e de realizar propostas artísticas baseadas na sinestesia, interacción e correspondencias entre distintos estímulos perceptivos e sensoriais” e de fomentar a interpretación e creación a partir de espazos comúns, marxinais e próximos realizando propostas individuais e colectivas.
Un contexto creativo vinculado aos sentidos
A mostra recolle as propostas creativas de Ana Alonso, Alba Amado, Raquel Rodríguez, Carla Fuentes, Su Garrido Pombo, Paulo Pascual, Cristina Souto e Lola Villar. Coa imaxinación e a liberdade creativa como ferramentas, a premisa de partida era “artellar un contexto creativo vinculado co papel que cada un dos nosos sentidos xoga na percepción e no desenvolvemento das distintas actividades artísticas, desde as plásticas ata a as musicais e sonoras”, explica a profesora Iraa Vázquez.
As persoas que visiten a mostra atoparanse “con todo o intenso traballo que as participantes desenvolveron ao longo do laboratorio, movéndose entre distintas disciplinas e técnicas en relación a cada un dos sentidos; pezas gráficas e pictóricas, mapas emocionais realizados a partir dunha deriva, camiñata polo Casco Vello, esculturas sonoras e unha grande instalación con diversos materiais sobrantes dos procesos de creación e do cotiá, chamada Asarotos Oikos (chan sen barrer) ‘expandido’... nas que foron aplicando todos os coñecementos adquiridos”.
Ademais, para a meirande parte das persoas que participaron no obradoiro, esta é a súa primeira exposición, “o que lles achega un extra de motivación e conexión emocional con Laboratorio dos sentidos”, recalca Vázquez.
“Espallar o que levamos dentro”
A pesar de tratarse dun grupo moi heteroxéneo, dende un primeiro momento “descubrimos unha gran conexión entre as participantes, a pesar das súas distintas idades, a súa formación ou os seus contextos vitais. Pensamos que a actividade artística é un práctica esencial para descubrir, recoñecer e celebrar esas diferencias, como fonte de enriquecemento, e tamén, para tomar consciencia da necesidade común de espallar todo iso que levamos dentro, manifestando emocións e sentimentos que nos axudan a conectar co noso interior e tamén co espazo que nos rodea, dunha forma máis libre, desinhibida e relaxada”. Por outra banda, destaca a docente, “consideramos que, ademais dos coñecementos, este tipo de experiencias achéganlles novas inquedanzas, novos territorios que explorar e ferramentas creativas para continuar afondando na dimensión sensorial do saber, da práctica artística, sen complexos”.
Acción artística como peche
Para pechar a mostra, o vindeiro venres 19 de xullo terá lugar un acto de “desinauguración” no que, como explica Iría Vázquez, “intervirán as participantes e responsables do laboratorio e do comisariado da mostra e algunhas das participantes realizarán unha acción artística partir das Caixas de Sons”.