DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escrito en latín en 1543, é un dos texto científicos máis relevantes da historia

Editan por primeira vez en galego o libro ‘Sobre a revolución dos orbes celestes’ de Nicolás Copérnico

A obra está realizada polos profesores Nicanor Alonso, Miguel Mirás e Raúl Gómez Pato

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/01/2022

“Copérnico é un dos autores que máis influíu no devir da ciencia e resultaba abondo sorprendente non dispoñer dunha versión en galego da súa obra”. A esta situación foi a que lle puxeron solución os profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo Nicanor Alonso e Miguel Mirás e o poeta e profesor de educación secundaria Raúl Gómez Pato, autores de O libro que ninguén puido ler, primeira tradución ao galego da obra de Nicolás Copérnico Sobre a revolución dos orbes celestes, publicado en latín no 1543 e na que o autor avoga por unha idea naquel intre absolutamente revolucionaria: o modelo heliocéntrico do universo, coa Terra xirando ao redor do Sol, fronte ao xeocéntrico –co Sol xirando a redor da Terra- imperante ata daquela.

Editado polo Servizo de Publicacións da Uvigo, O libro que ninguén puido ler permite achegar na súa propia lingua á sociedade galega un dos textos científicos máis relevantes da historia. Trátase dun conxunto de textos científicos cos que Copérnico sabía que abriría a caixa de Pandora, polo que dubidou moito antes de dalos a coñecer, facéndoo finalmente en 1543. O primeiro exemplar chegou ás súas mans o 24 de maio dese mesmo ano, estando el xa no seu leito de morte, a salvo de represalias. O texto non tardou en pasar a formar parte da lista de libros prohibidos pola Igrexa Católica, pero, co tempo, non se puido evitar que outros tomasen a testemuña, sufrindo por iso duros castigos: Giordano Bruno morrerá na fogueira, e Galileo Galilei deberá abxurar en público desta idea. 

En homenaxe a estes continuadores das ideas de Copérnico, a obra inclúe a tradución ao galego da sentenza que condenou a Galileo en 1633 e a abxuración que se viu obrigado a pronunciar para salvar a vida, “documentos de grande interese histórico”, tal e como destacan os autores. “Ademais na obra presentamos un estudo polo miúdo do texto, explicando os seus aspectos matemáticos e incorporando datos relevantes sobre o contexto histórico”, salienta Alonso, quen recalca o feito de que, precisamente por este motivo, a obra “pode interesar tanto aos que se acheguen a el como curiosidade científica como histórica”.

Ciencia e humanidades, “lonxe de ser antagónicas son complementarias”

A tradución fíxose directamente ao galego dende a versión orixinal en latín grazas ao profesor Raúl G. Pato. “A necesidade da tradución estaba clara e contabamos co apoio da Universidade a través do Servizo de Publicacións, pero nós somos docentes de Matemáticas e o texto orixinal a traducir, de 1543, estaba en latín”, explican os docentes da UVigo. E aí tiveron a “inmensa fortuna” de atopar ao profesor Raúl Gómez Pato, a quen non coñecían, pero que dende o primeiro momento se comprometeu a axudalos. El foi o encargado de traducir o texto directamente ao galego dende o latín. “Honradamente, este libro non tería visto a luz de non ser pola súa intervención. Foi a nosa primeira colaboración, e oxalá non sexa a última, pois o contacto entre docentes da Universidade e de centros de ensino medio é moi beneficioso para todos”, recalca Alonso, recalcando a idea de que o libro é un exemplo de colaboración entre o ensino universitario e o secundario, ademais de pór de manifesto “que as Humanidades e a Ciencia, lonxe de ser antagónicas, son complementarias”.

Matemáticos comprometidos coa divulgación científica en galego

Esta non é, nin moito menos, a primeira obra divulgativa realizada de xeito conxunto polos docentes Nicolás Alonso e Miguel Mirás. Ás súas costas contan xa con traballos como a tradución do libro Arenarius de Arquímedes, considerado o primeiro texto de divulgación científica da historia, e o libro Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas, o único texto a nivel mundial que amosa a historia da ciencia numérica acompañada de anécdotas, problemas clásicos e crebacabezas. 

“Na nosa opinión o galego goza dunha produción literaria dun nivel excelente, cun abano importante de autoras e autores que proporcionan unha literatura variada e de calidade, pero por desgraza non se pode dicir o mesmo no campo científico”, salienta Alonso, quen considera que neste eido hai dúas tarefas pendentes: a divulgación científica, por unha banda, e a tradución de textos científicos, pola outra. “A nosa intención nestes últimos anos é paliar no posible este baleiro e desta volta tocou actuar traballando no segundo dos apartados”, salientan os autores, ao que engaden que tamén se trata de “desbotar de vez a idea de que a nosa lingua non é útil para facer ou falar de ciencia. Se persoas da talla de Copérnico falan galego, que persoa culta pode negarse a facelo?”.

As persoas interesadas en mercar este libro poden consultar os puntos de venda na web do Servizo de Publicacións.