DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eduardo Soutullo revisa na súa tese a evolución da obra musical do compositor español David Del Puerto

Un dos artistas máis prolíficos e recoñecidos do panorama contemporáneo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 25/06/2009

Queda aínda moito por facer no campo da investigación musicolóxica, especialmente no tocante á investigación da obra de compositores vivos. Por iso, cando Eduardo Soutullo comezou a súa tese decidiu facer unha achega a este eido, escollendo como temática para o seu traballo A obra musical de David Del Puerto. Unha postura estética da postvangarda. O obxecto de estudo da súa tese é “a evolución da música deste artista ao longo da súa vida ata converterse nun dos máis prolíficos e recoñecidos compositores españois, tanto dentro do noso país como no estranxeiro”, apunta o autor da investigación.
No seu estudo, Soutullo analiza a vida e obra do artista durante máis de 25 anos de produción musical en diversos xéneros, no transcurso dos cales, o autor “avanzou cara unha estética da postvangarda, converténdose nun dos nomes claves da música contemporánea española”.
No momento de iniciar a súa investigación, no ano 2005, Del Puerto estaba de actualidade, xa que acababa de recibir o Premio Nacional de Música concedido polo Ministerio de Cultura, galardón que xunto con outros moitos confirma “a presenza que a obra deste compositor tivo dentro do panorama da música contemporánea española ao longo dos últimos 25 anos”.

A obra de Del Puerto non fora obxecto de ningún estudo

Como adoita suceder con numerosos compositores en activo, ata este momento “a obra de Del Puerto non fora obxecto de estudo de ningún tipo de monografía ou estudo analítico”, polo que a maior parte das referencias á súa obra atópanse nas críticas de prensa. Sen embargo, tal e como sinala Soutullo, cabe destacar a entrada asinada por Belén Pérez, no Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana, así como o ensaio David del Puerto, madera de compositor puro, escrito por José Luis García e publicado polo XXI Festival Internacional de Música de Canarias. Tamén hai que mencionar o libro Música Presente. Perspectivas para la música del siglo XXI firmado por Andrew Ford y José Luis Téllez, que aborda a figura de Del Puerto como integrante do colectivo Música Presente.
“Debido á falta de monografías ou estudos publicados sobre o compositor”, no momento de iniciar a súa investigación, Soutullo tivo que enfrontarse ao problema de “conxugar os métodos da musicoloxía tradicional con labores de traballo de campo”. Os materiais que, principalmente, lle deron forma a súa tese son as partituras, manuscritas e editadas, as gravacións das obras do compositor e a análise das mesmas, datos de todas as referencias bibliográficas existentes sobre a creación de Del Puerto e, por último, varias entrevistas que mantivo co propio compositor, antigo mestre seu en Madrid.

Un compositor da postvangarda

A primeira parte do seu estudo está dedicada á formación do compositor dentro do ambiente da vangarda musical español e sobre como as diversas tendencias da música contemporánea deste período, 1980-1991, “foron marcando cada unha das súas primeiras obras”. O segundo apartado da tese, abarca o período de madurez do compositor, dende 1992 ata a actualidade, tempo que se caracteriza polo emprego “dunha linguaxe compositiva xa persoal”. Neste bloque, Soutullo realizou en primeiro lugar un estudo das características xerais da música deste período, para pasar a continuación ao análise detallado “das obras máis representativas de cada un dos xéneros que cultivou: concertante, sinfónico, vogal e camerístico”. O capítulo final, dedicado ás conclusións, fai unha valoración do conxunto da obra do compositor como unha manifestación da súa postura estética, “lonxe dos postulados da vangarda musical española”.

Soutullo, un compositor con moita experiencia

Eduardo Soutullo naceu en Bilbao no ano 1968 e pouco despois, xunto coa súa familia, natural de Ponteareas, fixa a súa residencia en Vigo, onde vive ata día de hoxe. Nesta cidade realiza os estudos de harmonía na clase de Joan Trillo no entón Conservatorio Profesional de Música. En 1988 trasládase a París onde realiza estudos de harmonía, análise e composición no Conservatorio D´Issy, Universidade de París XIII, con Isabelle Duha. Tamén foi alumno de Horacio Vaggione no taller de música electroacústica da Universidade de París VIII, Saint Denis. Posteriormente residiu en Madrid durante algúns anos, onde foi alumno de David Del Puerto, cuxa obra e o seu persoal uso da modalidade foron unha das máis importantes influencias na súa carreira.
Foi compositor seleccionado para participar nos encontros Ateliers de Composition ACANTHES en 2005, 2006 e 2007 en Metz, Concours da Ville de Paris. Realizou o Diploma de Estudos Avanzados e Suficiencia Investigadora na Universidade Complutense de Madrid e posúe o Titulo de Profesor Superior polo Conservatorio Superior de Santiago de Compostela
Na actualidade, logrou ser un dos tres finalistas deste ano 2009 do Premio Reina Sofía de composición musical. O gañador darase a coñecer o próximo mes de outubro, tras o concerto no que se estrearán as tres obras finalistas pola Orquestra Sinfónica de Radio Televisión Española dirixida por Adrian Leaper no Teatro Monumental.