DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaume Carbonell presentou este luns no campus o seu último libro

A educación, “política en maiúsculas”

Nel analiza a xestión na escola de temas como o referendo catalán ou os atentados de Barcelona

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Medio Ambiente
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/02/2019

La Educación es Política. Con este título, que o propio autor recoñece como “provocador”, preséntase o último libro de Jaume Carbonell Sebarroja, pedagogo, xornalista e sociólogo referente en España no eido da renovación pedagóxica desde a dirección da revista Cuadernos de Pedagogía. Carbonell achegouse este luns ao campus de Ourense para presentar unha obra na que aborda, desde a teoría á práctica, como a actualidade política se coa nas escolas.

A presentación do libro, que tivo lugar no Edificio de Ferro, contou coa participación de Jaume Carbonell, autor da publicación; Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus; Adela Figueroa, ex presidenta de Adega; Sofía Riveiro, educadora social e ex presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, e Xesús Fortes, xefe do Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Portovello de Ourense. “Jaume Carbonell é un referente do pensamento pedagóxico actual, con máis dun centenar de publicacións sobre a pedagoxía do presente e do futuro, e para a presentación do libro en Ourense decidimos facer unha mesa redonda ampla de xente vinculada á renovación pedagóxica”, comenta Xosé Manuel Cid. A presentación en Ourense foi a primeira da súa xeira por Galicia, que levará ao autor a falar en Santiago, A Coruña e Ferrol.

A teoría

Segundo explica o autor do libro, este estrutúrase en dúas partes, a primeira delas de carácter máis teórico e conceptual e a segunda de análise de casos reais. Na primeira delas fala de neutralidade e adoutrinamento; reivindica a política que aposta pola cidadanía democrática e polo ben común; aposta pola educación política para dialogar, reflexionar e comprender o mundo; analiza como os espazos de educación política son moi diversos dentro e fóra do currículo e defende “o largo e esperanzador camiño cara a utopía”. Na publicación, explica Jaume Carbonell, “falo da política nun sentido amplo”. Así, sinala, cando fala de política “non me refiro á cuestión de partidos políticos ou da vida parlamentaria, falo da política desde unha perspectiva clásica, da política con maiúsculas, que se refire ao ben común, aos dereitos humanos, á política social… ás decisións que competen a toda a cidadanía, desde a primeira infancia ata a adulta”.

No marco deste concepto de política, apunta o pedagogo, no seu libro tamén aborda como “non existe neutralidade, a neutralidade é unha falacia. Todo o mundo ten as súas ideas, máis ou menos elaboradas”. Lembrando como o adoutrinamento existiu nalgúns réximes pasados, Carbonell sinala como na actualidade “na España social-democrática non existe adoutrinamento xeral”. Fronte ao adoutrinamento, indica, “a idea da política é formar cidadáns libres sobre todo a través do diálogo, da conversación, do contraste de pareceres, aprendendo a pensar, desenvolvendo o espírito crítico… axudar a facer pensar ao alumnado de todas as idades, axudarlle a comprender as cousas”. Isto, recalca o autor, “faise a través do contraste de pareceres e ideas, da escoita activa, situándose no lugar do outro para entender os razoamentos, rebatendo as verdades absolutas, as respostas únicas”.

“Vivimos en tempos moi complexos, moi incertos, moi rápidos”, afirma Jaume Carbonell, facendo fincapé na necesidade, fronte a esta realidade, de “non buscar a resposta única”. Así, o pedagogo recalca como “reivindico o poder da pregunta. O importante é aprender a pensar e a facerse preguntas. Rebato que haxa posición doutrinarias. Na escola democrática debe existir o diálogo, a expresión de todas as ideas”. No seu libro, indica, tamén fala do “patrimonio cívico-ético común que é defensa dos dereitos humanos e da infancia, referentes comúns”. Neste senso Jaume Carbonell subliña como “hai que respectar a todas as persoas pero non necesariamente todas as ideas. As ideas que xustifican a violencia, o maltrato, o acoso… non deben ser defendidas”. Así, apunta como “aí hai un labor docente de argumentar, de rebater, de ensinar, etc. Non todo vale. As liñas vermellas estarían nese incumprimento de dereitos”.

Os exemplos

Na segunda parte do libro, comenta o profesor de Socioloxía da Educación na Universitat de Vic, abórdanse catro casos nos que exemplifican as cuestións desenvolvidas na parte máis conceptual. En cada un deles, indica o autor, “describo a situación, recollo voces disintas contrastadas e sinalo alternativas e propostas recollendo diferentes opinións”. O primeiro destes casos é de carácter ambiental, o do afundimento do buque Prestige fronte á costa galega, “que tivo moita repercusión nas aulas”, e o segundo o das guerras e conflitos bélicos, subliñando o autor “a necesidade dunha educación para a paz e de valores democráticos”.

O terceiro caso, “o máis conflitivo”, tal e como recoñece autor do libro, é “arredor do 1 de outubro en Catalunya”, sobre o debate da independencia, o referendo e as cargas policiais. “Falo de como se viviu desde as aulas, que respostas se deron, como se falou ou non se falou, que repercusións tivo, que sancións houbo para profesionais… todo o que xerou”. O último caso, o máis amplo, “é unha reportaxe de investigación sobre os atentados de Barcelona e Cambrils de agosto do 2017, pondo o foco nos rapaces que cometeron os atentados e que teoricamente estaban integrados”. Recollendo diferentes voces, a reportaxe, di o seu autor, quere achegarse á xestión da multiculturalidade e a integración da segunda xeración de inmigrantes.